Colas para recoller plantas e compost na Ferrería
Por Redacción
Este sábado repartíronse 4.000 lotes de plantas, de forma gratuíta, con fertilizante procedente dos centros de compostaxe do Plan Revitaliza na Praza da Ferrería. Trátase dunha iniciativa da Deputación en colaboración co Concello de Pontevedra. Numerosas persoas fixeron cola desde as 11.00 horas para levar o seu exemplar. A ringleira achegouse ata as escaleiras de San Francisco
Esta proposta inclúese na campaña centrada en informar á cidadanía sobre a compostaxe, concienciar sobre a necesidade ambiental e económica de tratar os residuos orgánicos de forma natural, ademais de mostrar a alta calidade do compost que se produce nos centros de compostaxe instalados nos concellos da provincia.
Con esta entrega celébrase tamén o Día Mundial do Medio Ambiente, conmemorado o pasado 5 de xuño. O compost entregado alcanza as dúas toneladas repartidas en bolsas con pequenas mostras, ademais de dípticos informativos sobre a compostaxe.
As plantas que se repartiron eran de tempada: xeranios, alegrías e petunias, entre outras. Todas elas foron achegadas polo Concello de Pontevedra coa intención de que sexan fertilizas de forma natural co compost e, desta forma, comprobar o crecemento.
Á cita acudiu o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, ademais do deputado de Cultura, Xosé Leal e a concelleira pontevedresa, Carme da Silva.
Relacionadas:
-
O PSOE pide información ao Concello sobre o plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O PP pide á Deputación un informe detallado do plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Bará insta á Xunta a estender o plan compost da Deputación a toda Galicia
Por Redacción |
-
Este sábado haberá repartición de compost e flores na Ferrería
Por Oskar Viéitez |
-
Expertos internacionais de renome imparten leccións maxistrais na Facultade de Compostaxe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |