Este sábado haberá repartición de compost e flores na Ferrería
Por Oskar Viéitez
Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou que este próximo sábado día 10 de xuño a administración provincial e o Concello de Pontevedra farán unha repartición gratuíta de flores de tempada e de bolsas de compost a todos aqueles cidadáns que se acheguen ata a Praza da Ferrería. Será de 11 a 13 horas.
"Foi bastante difícil" poder reunir unha cantidade suficiente de compost para poder repartir e non porque non se produzan cantidades importantes, sinalou Mosquera, senón pola grandísima demanda que ten. "Quítannolo das mans", chanceou. Serán uns 4.000 lotes os que se repartirán o sábado.
Por outra banda acaban de terminar as probas de selección dos 18 funcionarios "mestres composteiros" que xa se incorporaron como interinos ao corpo de traballadores da Deputación de Pontevedra conformando un "corpo moi potente" de profesionais e facendo que esta aposta polo compostje sexa, en certo xeito "irreversible".
Xunto a eles traballarán os novos bolseiros "mestres composteiros" que aínda estes días seguen completando o seu proceso de selección. Todos eles ocuparán unhas oficinas na rúa Gagos de Mendoza alugadas por uns mil euros ao mes.