Pontón pide a Feijóo que pare o "pelotazo á democracia" coa "moción de censura encuberta" en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, que non consomen o "pelotazo á democracia" que ao seu xuízo supón a "moción de censura encuberta" que permitirá ao popular Telmo Martín recuperar a alcaldía de Sanxenxo despois de que lla entregue o ata agora rexedor, Gonzalo Pita, do partido liberal SAL que gobernaba desde hai dous anos co apoio de PSdeG e BNG.
Nunha visita a Sanxenxo, a portavoz nacional do Bloque dixo que este municipio é un "exemplo claro do nerviosismo que ten o Partido Popular para as próximas eleccións e de como están dispostos a todo". Neste sentido, Pontón denunciou a "estratexia do transfuguismo" que ten como punto de partida o "cambio de cadeiras" que ultiman en Sanxenxo.
O vindeiro luns ás 20.30 horas está convocado o pleno municipal no que Gonzalo Pita renunciará voluntariamente á alcaldía. Dez días despois xa se poderá volver convocar outro pleno con carácter extraordinario en que Telmo Martín recuperará a Alcaldía grazas ao apoio de SAL.
Pontón cre que os populares "queren converter toda a provincia de Pontevedra no epicentro do transfuguismo" e Sanxenxo será "o primeiro lugar por onde se empezan esas prácticas transfuguistas".
En ton humorístico a portavoz do BNG lembrou a Feijóo e a Rueda "unha frase dun ilustre visitante desta vila", o presidente do Goberno e do Partido Popular, Mariano Rajoy coa súa soada cita "es el vecino el que elige al alcalde y es el alcalde el que quiere que sean los vecinos el alcalde" para lembrarlles que "a Telmo Martín non o elixiron os veciños" senón que "claramente pretende gañar pola porta de atrás comprando vontades políticas", dixo a líder nacionalista.
A dirixente do Bloque criticou que Feijóo está "disposto a todo, sen o máis mínimo reparo democrático utilizando as prácticas caciquiis que deberían estar erradicadas da política". E engadiu que o caciquismo e o transfuguismo "son unha vella forma de corrupción que seguen instaladas no modus operandi do Partido Popular".
Pontón, xunto coa deputada por Pontevedra, Montse Prado, mantivo un encontro co grupo municipal liderado polo portavoz David Otero, no que aproveitou para destacar o traballo da formación nacionalista no Concello "para cambiar o urbanismo depredador por outro modelo ao servizo das persoas".
Finalmente indicou que o "asalto" á alcaldía de Sanxenxo "implican que gaña Telmo Martín e os seus intereses urbanísticos, mentres perde á maioría social do concello que ve o retorno a un pasado que debería quedar desterrado".
Relacionadas:
-
VIDEO.- Celebran a volta de Telmo Martín como alcalde de Sanxenxo con vítores de "vivan los novios"
Por Oskar Viéitez |
-
Para En Marea o ocorrido en Sanxenxo "era un golpe de estado" participado por Feijóo e Rueda
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Gonzalo Pita deixa a Alcaldía entre reproches e protestas, pero con brinde final
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pita cualifica de "foco radical" aos militantes do seu partido contrarios ao pacto co PP
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín: "Con este pacto estase a corrixir un erro que cometeu o PP no 2011"
Por Oskar Viéitez |
-
"Que ninguén se atreva", advirte Carmela Silva, a culpar á Deputación do ocorrido en Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
"O concepto de lealdade que el entende é apuñalar por detrás aos seus socios de goberno e xurar pleitesía a Telmo Martín"
Por Oskar Viéitez |
-
Pita asina un pacto de goberno co PP e entrega a alcaldía de Sanxenxo a Telmo Martín
Por Oskar Viéitez |
-
O tripartito de Sanxenxo salta polos aires e coloca a Telmo Martín preto da Alcaldía
Por Redacción |