Un pescador con 40 anos de experiencia captura unha troita de tres quilos no río Verdugo
Por Redacción
O veciño da parroquia de Taboadelo, en Ponte Caldelas, Álvaro Míguez logrou este venres a captura máis grande dos seus 40 anos de pescador no río Verdugo. Estaba na zona de Coveliño e colleu unha troita de case tres quilos que xa se converteu nun dos elementos máis fotografiados do municipio nos últimos tempos.
A captura produciuse a primeira hora deste venres, pouco despois de que Álvaro chegara ao río. O tamaño da troita dificultou sacala da auga e, de feito, a tarefa levoulle case media hora.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, Álvaro Míguez é pescador habitual nas beiras do río Verdugo e traballa durante as fins de semana na cervexaría Alameda. Este venres, logo de coller a chamativa captura, levouna ao seu lugar de traballo, onde chegou viva.
Amigos e compañeiros de traballo de Álvaro observaron e fotografiaron a troita, toda unha sensación na cervexaría Alameda á que tampouco se resistiron o alcalde, Andrés Díaz, e os concelleiros Lito Muíños e Manolo Barreiro. Despois da sesión fotográfica e da celebración, o peixe acabou na casa de Álvaro.
Segundo indicou, ten previsto degustalo esta fin de semana, pero aínda non está decidido como a preparará. Os consellos foron moitos, desde cocela e acompañala de maionesa ata preparala ao forno, pero a elección final quedará entre as paredes da súa casa de Taboadelo.
O alcalde aproveitou a captura para lembrar que chega tan só dúas semanas antes da Festa da Troita e confirma o prestixio troiteiro deste río. Confía, ademais, en que animará a participar no Concurso Internacional de Pesca que se celebra todos os anos coincidindo coa celebración.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas renova a súa devoción pola troita
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O río Verdugo recibe 200 exemplares de troita
Por Redacción |
-
Unha concentración cabalar preludiará a Festa da Troita
Por Redacción |
-
As primeiras 500 tapas da Festa da Troita terán pincho de balde
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa da Troita xa ten cartel para a súa 51 edición
Por Redacción |
-
A xira promocional da Festa da Troita polas parroquias contará con 25 paradas
Por Redacción |