Unha concentración cabalar preludiará a Festa da Troita
Por Redacción
A concentración cabalar de Ponte Caldelas celebrará a súa XVI edición na primeira fin de semana de maio, recuperando así un dos eventos máis singulares do municipio. O evento, que funciona como preludio da Festa da Troita, conta coa organización activa da empresa local Hípica Amazonas.
O acto de presentación celebrouse coa presenza do alcalde, Andrés Díaz, e os dous responsables da hípica asentada na Insua, Loli Pereira e César Santos.
Todas as partes coincidiron en celebrar a continuidade dun evento do máximo atractivo, ao que acoden persoas chegadas dende moi diferentes lugares, pois é unha oportunidade magnífica de gozar da contemplación de animais realmente fermosos.
O programa desta concentración cabalar ábrese o sábado, día 6, ás 14 horas, coa concentración de amazonas e xinetes nos locais da hípica para a marcha cabalar polo centro de Ponte Caldelas. Haberá música en directo a cargo do grupo "Nós tamén imos". Á hora da cea ofrecerase a xa tamén habitual degustación de tenreira ao rodicio con música en directo duns mariachis mexicanos e con festa a cargo dos tríos "Reflejos" e "La Noche".
O recinto, nas inmediacións da hípica, contará cunha gran carpa para a convivencia dos asistentes e disporá tamén de zona de acampada e duchas.
O domingo, día 7, é o día grande. Ás 10.00 horas ábrense as inscricións para as probas a desenvolver nas modalidades de Estampa e beleza de cabalos cruzados (machos e femias), poldros cruzados, poldros pura raza española e poldros pura raza árabe. Ás 16.00 horas, despois do descanso para a comida, chega o concurso de Estampa e beleza de cabalos pura raza árabe, cabalos pura raza española e o espectáculo hípico. Haberá música en directo a cargo de "Airiños de Ponte Caldelas".
Finalmente, celebrarase a homenaxe ao gandeiro Francisco Patiño (Gandería Patiño Guillán) e a entrega de trofeos aos gañadores.
A data límite para inscribirse gratuítamente na ruta é o 2 de maio. Máis información nos teléfonos 639 041 971 e 986 767117.
Relacionadas:
-
A praza de touros abre as súas portas para un espectáculo de cabalos con fin benéfico
Por Marisa Ciordia |
-
Ponte Caldelas quenta motores para a Festa da Troita e degusta mil racións nas parroquias
Por Redacción |
-
O río Verdugo recibe 200 exemplares de troita
Por Redacción |
-
Un pescador captura unha troita de tres quilos no río Verdugo
Por Redacción |
-
Andalucía? Non, Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ofertas en comercios e actividades infantís para celebrar o Día da Nai en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
As primeiras 500 tapas da Festa da Troita terán pincho de balde
Por Oskar Viéitez |
-
A Festa da Troita xa ten cartel para a súa 51 edición
Por Redacción |
-
A xira promocional da Festa da Troita polas parroquias contará con 25 paradas
Por Redacción |