O río Verdugo recibe 200 exemplares de troita
Por Redacción
Troitas autóctonas do Verdugo volveron este martes ao propio río despois de seren capturadas polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente nas limpezas periódicas que realizan nos diferentes treitos desta importante arteria fluvial.
Os alumnos do colexio Manuel Cordo Boullosa participaron nunha das soltas do día, nas que, en total, se liberaron uns 200 peixes dun bo tamaño, moitos deles de máis dun quilo. Os rapaces de terceiro de Primaria foron os encargados na quenda das 11 horas, xusto debaixo da praia da Calzada, e empregáronse a fondo para apañar as troitas e mantelas uns segundos nas mans antes de devolvelas á auga.
O persoal da Consellería de Medio Ambiente destacou que nesta xornada utilizáronse troitas autóctonas do propio río. En anos anteriores téñense soltado ata 1.000 alevíns procedentes de piscifactoría, pero nesta ocasión foron exemplares adultos e perfectamente adaptados ás condicións destas augas. Os técnicos subliñaron que o nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións e tamén garántese unha maior capacidade reprodutora.
Con esta actividade, danse por repoboados varios treitos do río unha semana antes da Festa da Troita, que inclúe un concurso internacional de pesca con gran sona en toda Galicia. O peixe foi liberado na zona dedicada á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.