Pontevedra superou o 90% de ocupación hoteleira na ponte do primeiro de maio
Por Oskar Viéitez
A comarca de Pontevedra superou o 90% de ocupación hoteleira na ponte do primeiro de maio. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este xoves os resultados de ocupación hoteleira rexistrados na provincia de Pontevedra durante a pasada ponte.
Silva informou que a ocupación media provincial nos establecementos hoteleiros foi do 77,15%, dous puntos por riba das estimacións realizadas por Turismo Rías Baixas, e do 56% nos establecementos de turismo rural, 6 puntos máis que o previsto pola institución.
Carmela Silva asegurou que "estamos a falar dunha das mellores pontes de maio dos últimos anos, uns excelentes resultados que superan ata en 15 puntos os rexistrados na mesma ponte do 2016" e amosou a súa satisfacción por "seguir a ser un destino que crece".
Pontevedra superou o 90% de ocupación hoteleira, Vigo o 85%, ao igual que o Deza e Tabeirós-Terra de Montes que rozaron esa porcentaxe, O Morrazo o 83% e Caldas o 80%. Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño chegou ao 71% de ocupación, O Salnés ao 70% e as comarcas do Condado e A Paradanta superaron o 53%.
No caso dos establecementos de turismo rural, a presidenta da Deputación manifestou a súa satisfacción por acadar unha ocupación do 56% na provincia, seis puntos máis que o previsto por Turismo Rías Baixas.
Esta porcentaxe superouse na comarca de Pontevedra cun 73%. Pola súa banda, a comarca de Caldas acadou o 56% e O Salnés o 41%.