Salcedo, primeira parroquia con tratamento urbano no seu núcleo central
Por Redacción
Salcedo converterase na primeira parroquia do rural pontevedrés en contar cun tratamento urbano no seu núcleo de centralidade. Así o destacou o concelleiro do Rural, Demetrio Gómez, para anunciar que as obras para trasladar as medidas de calidade e seguridade viaria instaladas na cidade comezarán esta mesma semana.
En total, investiranse 600.000 euros na creación do núcleo de centralidade parroquial, o calmado de tráfico no ámbito do colexio da Igrexa e o calmado integral de tráfico en toda a parroquia coa instalación de 43 lombos nas vías municipais de Salcedo.
Con respecto á primeira das actuacións, a empresa EC Casas creará un percorrido peonil perimetral entre as dúas entradas ao cemiterio. Paralelamente farase un circuíto de tráfico no que quedarán "confinados" os vehículos, segundo Demetrio Gómez.
Entre a Casa do Monte e a Casa Verde farase un espazo de estancia onde se instalará unha pista de petanca, unha pista de chave e o parque infantil, este último xa rematado, así como un espazo de estancia ao carón da Casa do Monte con mesas e árbores froiteiras.
O proxecto tamén contempla a creación dun auditorio ao aire libre que permitirá ver os espectáculos que se celebren no interior da Casa Verde. A intervención complétase co recuado e mellora do muro de pedra, así como con novos servizos por toda a rúa. Tamén disporá de alumeado específico para cada unha das zonas que se crean.
Esta obra, xunto ao calmado de tráfico na contorna do colexio da Igrexa, coa creación dunha área de aparcamento específica e a instalación de 43 lombos nas vías públicas municipais da parroquia, completa unha actuación que o goberno local pretende levar a todas as parroquias do concello.
Relacionadas:
-
O núcleo de centralidade de Salcedo empeza a tomar forma
Por Redacción |
-
Mourente, tras os pasos de Salcedo: o seu plan integral de tráfico contará con 50 lombos
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo de mobilidade de Pontevedra se universaliza e chegará a Cerponzóns e A Seca
Por Natalia Puga |
-
Salcedo terá 43 lombos máis para calmar o tráfico na parroquia
Por Alejandro Espiño |
-
Deseñan novos proxectos de calmado do tráfico para os colexios de Lérez, Salcedo e Lourizán
Por Oskar Viéitez |