Salcedo terá 43 lombos máis para calmar o tráfico na parroquia
Por Alejandro Espiño
Os técnicos municipais deseñaron un plan para acougar o tráfico na parroquia de Salcedo. Será a primeira en contar cunha actuación global destas características, pero non a única. A ela seguiranlle en próximos meses Campañó, Santa María de Xeve e Mourente.
Segundo explicou o concelleiro de Rural, Demetrio Gómez, en todo o ámbito de Salcedo instalaranse 43 novos 'lombos' -que se sumarán aos que xa existen-. Son os que os técnicos consideran "necesarios" para que o acougado no tráfico sexa "integral" na parroquia.
O obxectivo, destaca o edil do BNG, é trasladar a "filosofía" do modelo urbano da cidade ao rural, reforzando a seguridade viaria e "investindo" as prioridades no tráfico.
Os novos pasos elevados estarán situados nos espazos "máis habitados" de Salcedo e nas entradas aos núcleos de poboación, mantendo libres de 'lombos' o resto de viarios.
O Concello investirá 130.500 euros nesta actuación, que será contratada e executada nas próximas semanas.