Deseñan novos proxectos de calmado do tráfico para os colexios de Lérez, Salcedo e Lourizán
Por Oskar Viéitez
O concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, presentou tres proxectos de calmado de tráfico e deseño de rutas de preferencia peonil para os CEIP San Bieito de Lérez, A Carballeira de Lourizán e San Martiño de Salcedo.
As actuacións previstas inclúen a habilitación de sendas de preferencia peonil ou peonís ao 100%, a implantación de redutores de velocidade (lombos) ou o acoutamento de novos ou reordenados espazos de aparcamento e suporán un investimento de ao redor de 330.000 euros.
Os proxectos, informados (ou en proceso de información) ás veciñanzas e comunidades educativas, foron presentados este martes na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. Nos próximos días comezará a tramitación para acometer as obras previstas.
- CEIP San Bieito de Lérez
O proxecto de calmado de tráfico na contorna do centro ten un orzamento inicial de algo máis de 82.000 euros.
A vía que comunica a estrada de Campo Lameiro e a estrada do Castelo até a entrada do centro escolar será unha plataforma única de preferencia peonil e cunha senda peonil diferenciada. Ademais terá un calmado de tráfico radical, con tres lombos redutores na subida ao colexio, limitación de velocidade a 20 km/h e a prohibición de aparcar diante do CEIP en horario escolar.
- CEIP A Carballeira de Lourizán
A actuación deseñada na contorna deste CEIP ten un orzamento de aproximado de 118.000 euros.
Farase un drástico calmado de tráfico na estrada de acceso -sete redutores de velocidade- que arrancará cunha nova beirarrúa que dará acceso a unha senda peonil diferenciada que descorre a un lado da vía e que inclúe a recuperación dun vello camiño -tramo que será só peonil- e que xerará diante do CEIP unha pequena praza. Reordenarase o espazo de aparcamento e queda por decidir o punto exacto de subida e baixada do autobús escolar.
- CEIP San Martiño de Salcedo
Neste caso a actuación de calmado de tráfico e reordenación do tráfico na contorna do centro suporá un investimento de algo máis de 128.000 euros.
Retirarase o actual e desordeado aparcamento que hai diante do CEIP e acoutarase o lateral da vía con cabida para 31 prazas, mentres que o camiño que baixa do Pazo ao colexio será peonil. Son algo máis de 120 metros de vía na que non hai vivendas. Inda así instalaranse tres lombos para o pouco tráfico que por ela poda chegar a pasar.
O viario da contorna do centro e do aparcamento terá velocidade 20 co fin de garantir a seguridade dos nenos.
Relacionadas:
-
Salcedo, primeira parroquia con tratamento urbano no seu núcleo central
Por Redacción |
-
Sae a contratación o mantemento dos colexios de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Salcedo terá 43 lombos máis para calmar o tráfico na parroquia
Por Alejandro Espiño |
-
Nove de cada dez "lombos" incumpren a normativa de Fomento... por suaves
Por Alejandro Espiño |