Dous concertos nun autobús inglés animarán a "Ruta pincho e raia"
Por Redacción
O mes de abril comezará con sabor a raia en Portonovo. A Concellería de Festas asegura telo "todo preparado" para que a presenza na rúa Rafael Picó, á altura da parada de taxis, dun autobús inglés se converta nun reclamo para que todo o mundo se anime a participar na I Ruta Pincho e Raia, que precisamente arrincará o vindeiro venres, 31 de marzo.
Este bus multifunción acollerá o mesmo venres un showcooking, que se desenvolverá na rúa de 20 a 21 horas, coa presenza dun cociñeiro que se encargará de elaborar varios pratos coa raia como ingrediente principal.
Esa mesma noite arranca a I Ruta Pincho e Raia cun total de 16 locais de Portonovo, e algún dos arredores, inscritos e interesados en participar nunha iniciativa que levará á hostalería local a promocionar esta especie tan vinculada á vila mariñeira nas súas propostas de tapeo. Trátase de actividades previas á celebración da Festa da Raia, que terá lugar o 29 e 30 de abril, e que o edil de Festas, Jesús Sueiro, expón este ano como un evento colectivo, para o que busca a implicación do maior número de colectivos na súa organización para garantir unha participación masiva.
Será a primeira de catro fins de semana nas que o obxectivo será degustar os petiscos de raia en Portonovo e a Concellería de Festas quere animar o ambiente con dous concertos nocturnos a cargo de dous grupos locais. O autobús inglés, que elevará o seu teito cun sistema hidráulico, converterase no escenario ao que se subirá o mesmo venres día 31 Mensaje Siciliano, que actuará ás 22.30 horas. O sábado será Rockin Corsarios, á mesma hora, os que acheguen a súa música a Portonovo.
Durante todas as fins de semana do mes de abril, e como preludio da Festa da Raia, os locais ofrecerán un petisco elaborado a base de raia cunha variedade de receitas que irán desde as propostas máis tradicionais ás máis innovadoras. A Bodeguilla, a Fonte da Vella, la Taberna do Varadoiro, Bar Burás, Cervecería Azor, Cova de Ons, La Portonovesa, Mar do Pintor, Mesón Fontán, Mesón miro, Pepa A Loba, restaurante Xerfa, taberna A Batea, A Curva, Maruca e Viña Pedreira son os locais que tratarán de sorprender a quen faga a Ruta.
Así, todos os venres, sábados e domingos do mes de abril, en horario matinal e vespertino, os establecementos hostaleiros portonoveses ofrecerán estes petiscos a un prezo único de dous euros. O horario no que poderán degustarse quedará a criterio de cada un dos locais participantes, que quedará recollido, xunto á receita do petisco que ofrecerán, nun "pasaporte" que os consumidores deberán selar en polo menos oito establecementos para poder entrar no sorteo de diferentes agasallos.
Relacionadas:
-
Dezaseis locais de hostalería participan na primeira Ruta Pincho e Raia de Portonovo
Por Redacción |
-
Buscan novas iniciativas para potenciar a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción |
-
"Pincho e raia", unha proposta para as fins de semana previas á festa de Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo sonda o Grupo Nove para que xestione a parte gastronómica da Festa da Raia
Por Redacción |