Inspección de Traballo obriga a corrixir deficiencias no servizo de bombeiros do Consorcio Provincial
Por Oskar Viéitez
A Inspección de Traballo estimou un total de 18 dos 25 puntos denunciados polo comité de empresa dos bombeiros do Consorcio Provincial por "incumprimentos da lei de prevención de riscos laborais", obrigando á empresa concesionaria Matinsa a tomar medidas respecto diso.
Matinsa, do grupo FCC, xestiona os parques comarcais en Vilagarcía, Ribadumia, Bueu e O Porriño.
No laudo da Inspección de Traballo sinálase que a concesionaria "non estaba a cumprir coas súas obrigacións e pon en risco a seguridade dos bombeiros, tanto nas tarefas diarias no parque como naquelas que nas que é de aplicación a lei de prevención de riscos laborais".
Por iso, a inspección avisa á empresa concesionaria de que se continúa "incumprindo a lei e non soluciona as incidencias apreciadas" pode enfrontarse a sancións que oscilan entre os 2.000 e os 41.000 euros.
Fartos de que a empresa fixese caso omiso ás súas reclamacións, os sindicatos SIBGAL, CC.OO., UXT e CIG decidiron presentar unha denuncia ante Inspección de Traballo advertindo de irregularidades como a descontaminación dos traxes de intervención dos bombeiros con contaminación biolóxica ou química ou derivada de intervencións en industrias, incendios ou accidentes de tráfico.
Ata agora eran os propios bombeiros os encargados de descontaminar os seus traxes en lavadoras normais. A inspección advirte de que a partir de agora esa tarefa de limpeza deberán realizala empresas especializadas e alleas ao propio servizo.
Relacionadas:
-
O PP insiste na "falta de ética e transparencia" da Deputación en relación co Consorcio de Bombeiros
Por Redacción |
-
Os bombeiros do Parque do Morrazo denuncian a reutilización dos traxes por parte de empresas privadas
Por Redacción |
-
Un convenio coa AP-9 garante que os vehículos de bombeiros non terán que deterse nas cabinas do peaxe
Por Redacción |
-
Os bombeiros da provincia denuncian que carecen de equipos de protección para operar con motoserras
Por Redacción |
-
O Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra dependerá da Deputación
Por Redacción |
-
O Consorcio de Bombeiros de Pontevedra reforza o servizo dos parques comarcais
Por Redacción |