Marea Pontevedra amosa ao BNG a súa "disposición" a construír unha "maioría de progreso"
Por Oskar Viéitez
O apoio dos concelleiros de Marea Pontevedra que permitiu ao goberno local do BNG aprobar os orzamentos municipais de Pontevedra para o 2017, "abre novas posibilidades", desde o seu punto de vista, para un "novo tempo político" que tal e como aprobou a asemblea xeral da formación está disposta a "abordar sen reservas". Así o fixeron saber nunha comparecencia o seu portavoz municipal, Luís Rei, e o seu coordinador, Xoán Hermida.
Por unanimidade a última asemblea de Marea Pontevedra apostou abertamente por "encarar o novo tempo político aberta á posibilidade de construír unha maioría estable de progreso".
Segundo dixo Xoán Hermida, "Marea Pontevedra non nacía para ser unha forza bisagra nin auxiliar que puxera a súa representación institucional ao servizo doutras forzas políticas, senón coa vontade de defender os intereses da maioría social e de converterse a medio prazo na forza gobernante".
Asegura que Marea era "consciente" de que terían que ir "graduando" a súa posición política durante o mandato, "nunha primeira metade contundente para amosar os déficits que en materia social, ambiental e de radicalidade democrática existen na xestión do actual equipo de goberno e, nunha segunda metade, cun carácter máis propositivo onde se observara con nitidez o noso papel de forza preparada para gobernar".
"Estamos xa no ecuador do mandato e cremos que chegou o momento", engadiu.
Pola súa banda, o voceiro de Marea Pontevedra, Luis Rei, sinalou que "sen renunciar ao mandato de sermos críticos, sentimos a obriga de explorar unha senda de acordos beneficiosos para todos; empezando polos veciños".
En coherencia, emprazou ao Bloque de Pontevedra a estudar con Marea as coincidencias que poidan permitir articular algún tipo de entendemento estable no que resta de mandato.
"Pola nosa banda, a concreción diso dependerá do grao de aceptación que vexamos nas liñas que empezamos a definir nas nosas emendas ao orzamento. Trátase de avanzar na axenda social, nos plans de transporte, na economía social, no saneamento integral, no rescate de servizos e na participación e a transparencia. Son principios xerais que concretaríamos en 50 asuntos e medidas, coas que lle estaremos dicindo ao Bloque que faría ben en mirar á súa esquerda, ou ao seu carón", dixo Luis Rei.
Adiantou tamén que por parte da súa forza non se trata dunha cousa puramente "cuantitativa", senón que analizarán co máximo interese as materias de acordo. Se o grao de coincidencias é "cualitativamente significativo", levaría de seu o apoio da Marea ás modificacións de crédito do ano 17, e ao orzamento e as modificacións do ano 18. "O beneficio para a cidade é evidente. Porque sería gobernada con garantías de estabilidade, e porque a axenda social entraría con máis intensidade na acción do goberno".
Á pregunta de como afectará isto a dinámica municipal apuntou que "non estamos pechados a nada. Todo vai depender de que se nos acepte a man tendida, de que iso dea inicio a un diálogo produtivo, e de que ambas as dúas partes esteamos cómodas co que se decida. Non hai liñas vermellas, nin azuis. Tendemos a man sen pruritos cromáticos".
Relacionadas:
-
O Bloque e Marea descartan "de momento" un pacto no Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Lores e Luis Rei achegan posturas para establecer unha "relación seria"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Luis Villares, "orgulloso" do papel de Marea Pontevedra en relación co orzamento municipal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |