Luis Villares, "orgulloso" do papel de Marea Pontevedra en relación co orzamento municipal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O portavoz de En Marea, Luís Villares, mostrou este luns todo o seu respaldo a Marea Pontevedra polo papel desempeñado no último Pleno da Corporación, no que se abstivo facilitando a aprobación do orzamento municipal para o ano 2017 que propuxera o grupo de goberno do BNG. A forma de encarar a situación é "algo que nos enorgullece a todos como movemento político", pois "traballa de forma coherente en todo o país na mesma clave".
Villares acompañou ao portavoz de Marea Pontevedra Luís Rei, para valorar o ano político da formación e marcar as liñas de traballo para 2007 e, a preguntas dos medios, negou que En Marea tivese algunha influencia na decisión da formación pontevedresa de cambiar o seu voto en contra por unha abstención, pois tanto neste municipio como en todos os demais respectan a "autonomía" das agrupacións locais.
Ademais, o líder de En Marea asegurou que na formación "estamos moi satisfeitos" de que a posición política do partido que lidera Luís Rei "permite darlle un xiro social a este concello" na liña dos seus principios programáticos. Séntese especialmente orgulloso de que entre as emendas aprobadas para facilitar a abstención figure a renda social municipal, pois considéraa unha cuestión "fundamental" e "todo un éxito" para a cidadanía de Pontevedra.
A pesar de que os xornalistas insistiron en preguntar polo papel do líder de Compostela Aberta e alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que instaba a chegar a un acordo Marea-BNG para aprobar os orzamentos, Luís Villares asegurou que non existe unha fractura na postura política do movemento das mareas galegas. "O sentir de En Marea en Galicia é sempre o mesmo, acadar solucións de xustiza social para ou conxunto das institucións", asegurou.
Luís Rei tamén negou a inxerencia de En Marea no seu cambio de postura e defendeu que "somos autónomos e soberanos" en todas as súas decisións e agradece especialmente a "comprensión" de Villares, pois "en todo momento" tiveron o seu apoio "fose cal fose a decisión que nós tomásemos".
O líder de Marea Pontevedra tamén negou que favorecer a aprobación do orzamento supoña que renuncien a unha das súas liñas vermellas como formación política, o rescate de servizos básicos como o auga ou o lixo, que na cidade do Lérez está en man de empresas privadas. Eles van "seguir defendendo" a remunicipalización. No caso de que o goberno nacionalista opte por prorrogar contratos como o da auga, que caduca este ano 2017, insistirán en que, polo menos "sexa polo período máis curto posible".
Esta postura ao facilitar a aprobación do orzamento é, para Luís Rei, unha mostra máis do novo tempo político que se abre para a súa formación, pois, tras unha etapa de "consolidación da confluencia", ábrese un período de "expansión" e "crecemento" no que seguirán "cumprindo co mandato de sermos críticos" e profundar na súa liña "propositiva" e de falar con todos, como ocorreu no asunto do orzamento.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra amosa ao BNG a súa "disposición" a construír unha "maioría de progreso"
Por Oskar Viéitez |
-
Marea Pontevedra renuncia a formar parte da lista de "consenso" nas primarias de En Marea
Por Redacción |
-
A abstención de Marea permite o BNG aprobar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Tranquilidade no goberno local tras impugnar o PP a convocatoria do pleno dos orzamentos
Por Diego Espiño |
-
Lores someterá ao pleno só os orzamentos do BNG, a pesar dun ambiguo informe municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Martiño Noriega avoga por un acordo entre Marea e BNG: "É o lóxico e o que a xente espera"
Por Redacción |