O acusado de golpear tres mulleres en Barro en 2011 confesa no xuízo non lembrar as agresións
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Venancio V.T. non lembra nada do que sucedeu o 13 de xaneiro de 2011. Así o manifestou ante o xuíz durante a vista oral celebrada este martes 14 na Audiencia de Pontevedra. Venancio saía aquel día de prisión portando unha pulseira GPS de vixilancia penal nun dos seus nocellos. Celebrou esa saída co seu irmán co que comeu consumindo alcol, tamén consumira un tranquilizante. Aí finalizan os recordos que o acusado mantén daquela xornada. Non lembra ter comentado que "ía montala" se fallaba a pulseira.
As testemuñas manifestaron que o viran discutindo e pelexándose co seu irmán en Perdecanai no municipio de Barro. Nese momento coincidiu que María del Carmen, unha veciña de 69 anos, dirixíase a buscar un burro a unha das súas leiras. Ela tampouco lembra máis, só que foi golpeada. As súas veciñas afirman que Venancio deulle unha puñada na cara que a tombou. O irmán abandonou o lugar mentres o acusado dedicouse a propinar patadas á muller no chan.
Ante a gravidade da agresión, as veciñas saíron das súas casas e atopáronse ao mozo tombado a 100 metros da vítima que sangraba abundantemente. Segundo as testemuñas, o home balbuceaba no chan e cando unha veciña preguntoulle que lle pasaba tentou levantarse con dificultade e comezou a insultar ás veciñas, que tentaban socorrer a María del Carmen.
Nese momento, outra veciña, Isabel, saía no seu coche de casa. Venancio lanzou un bloque de cemento contra o vehículo mentres lle gritaba que abandonase o coche. Logrou agarrarse ao turismo e, a través do portelo, golpeaba cunha puñada á condutora. A pesar do impacto, a muller conseguía escaparse. Venancio enfróntase entón ás mulleres que están a atender a María del Carmen. Elas deféndense co pau dun aparello de labranza. O home golpeou entón a outra veciña, María Jesús, propinándolle un cabezazo na cara. O home rematou caendo por un pequeno terraplén e, a continuación, dirixiuse cara a un patio onde se tombou ao redor de 5 cinco minutos, cando chegaron dous axentes da Garda Civil.
Venancio agarrou polo pescozo ao primeiro dos axentes que se achegou a el, que véndose incapaz de reducilo alertou ao seu compañeiro. Entre ambos conseguiron detelo a pesar de que, como confesaron no xuízo, o mozo estaba "fóra de si" ofrecendo unha gran resistencia ata o punto de que, mesmo reducido, seguía resistíndose.
O home foi trasladado primeiro ao centro de saúde e despois a Urxencias onde se lle forneceu dous cócteles con tranquilizantes para tentar rebaixar a axitación psicomotriz que presentaba. Tanto as médico forenses como o persoal facultativo que atendeu a Venancio durante aquel día sinalaban na vista oral que tiña as facultades gravemente alteradas. Segundo as forenses, non era capaz de diferenciar "o lícito do ilícito nos seus actos". Mesmo afirmaron que se atopaba no grao máis alto no que se poden ter as capacidades nunha persoa que non se atope en coma.
Debido aos golpes sufridos, María del Carmen perdeu o olfacto e sufriu alteracións das súas funcións executivas con problemas para activarse e realizar os seus traballos habituais. O fiscal solicita seis anos de prisión por un delito de lesións mentres que a defensa reclama a libre absolución ao entender que o acusado tiña as facultades anuladas e non existen probas de que quixese realizar as agresións. Considera que esta situación resolveríase unicamente a través da responsabilidade civil e solicitou a liberdade do procesado.
O xuízo foi seguido na sala por estudantes do Instituto de Poio, que tras a vista oral analizaron os feitos co representante do Ministerio Fiscal, cos avogados e cos membros do tribunal.
Relacionadas:
-
Un acusado de agredir tres mulleres durante un permiso penal volve ante o tribunal
Por Redacción |
-
O acusado de agredir tres mulleres en Barro, unha de 69 anos, non se presenta no seu xuízo
Por Redacción |
-
Solicitan seis anos de prisión para un home por agredir tres mulleres en Barro
Por Redacción |