Toca seguir esperando para saber se dous irmáns meteron droga no cárcere ou non
Por Natalia Puga
Os irmáns Yolanda e José Gabriel G.G. sentaron este xoves no banco dos acusados da Audiencia Provincial por un delito contra a saúde pública por tentar introducir un paquete cunha pequena cantidade de cocaína na prisión da Lama oculta nunha das costuras dun calzón para o marido dela. A pesar de que o xuízo comezou, para escoitar as declaracións dos procesados e revisar as probas que se achegan nesta causa haberá que seguir esperando. A vista oral acabou suspendéndose por cuestións de trámite.
O xuízo xa se suspendeu nunha ocasión con anterioridade porque o avogado defensor do acusado non tivera acceso a unha serie de gravacións telefónicas recollidas no procedemento e que lle incriminarían. Esas escoitas facilitáronselle antes da sesión deste xoves, pero curiosamente motivaron unha nova suspensión. A pesar de que recibiu un CD cos audios, o letrado non puido reproducilo, de modo que alegou indefensión por non ter acceso ás probas.
O avogado en cuestión mostrouse tamén moi crítico co funcionamento do sistema Sitel de escoitas telefónicas do Ministerio do Interior e tamén cuestionou a cadea de custodia da droga que se considera que o seu defendido tentou introducir no cárcere. A esas críticas uniuse o avogado da outra acusada, pero rexéitaas a Fiscalía, en concreto, o fiscal xefe Juan Carlos Aladro.
Á vista das alegacións da defensa, e tras comprobar na sala que o CD non se reproducía, o maxistrado presidente da Sección Segunda da Audiencia acordou finalmente que a vista se suspendese para permitir o acceso ás gravacións. Iso si, o avogado pedía ter unha copia para poder reproducila pola súa conta, pero deberá escoitala en sede xudicial en presenza do resto das partes e de representantes do xulgado.
Unha vez que teña acceso á proba, retomarase o xuízo. Ademais, tras un receso na sesión deste xoves, o maxistrado acordou que as alegacións do avogado relativas ao sistema Sitel e á cadea de custodia resolveraas cando dite a sentenza.
A acusada, Yolanda G.G., chegou este xoves á Audiencia custodiada por unha patrulla da Policía Nacional, pois atópase cumprindo condena na Lama por unha sentenza relativa a outra causa. O outro procesado está en liberdade á espera de que se celebre o xuízo, no que se enfrontan a dous anos de prisión cada un.
Relacionadas:
-
O fiscal segue a pedir dous anos de prisión para os irmáns que meteron coca no cárcere da Lama nun calzón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Á terceira non foi a vencida: volven aprazar un xuízo por introducir droga no cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous irmáns enfróntanse a dous anos de prisión por tentar meter droga no cárcere para un familiar
Por Natalia Puga |