Dous irmáns enfróntanse a dous anos de prisión por tentar meter droga no cárcere para un familiar
Por Natalia Puga
Dous irmáns sentarán a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un delito contra a saúde pública por tentar introducir un paquete cunha pequena cantidade de cocaína no centro penal da Lama para o marido dunha das acusadas e cuñado do outro.
O fiscal acusa a Y.G.G. e JG.G.G. como autores e pide que a Sección Segunda da Audiencia Provincial lles impoña unha pena de dous anos de prisión a cada un e o pago dunha multa de 20 euros. Considera que ambos eran coñecedores de que no paquete había droga e que era para o seu familiar preso.
Os feitos polos que chegarán a xuízo ocorreron o 12 de outubro de 2012. O fiscal considera que a acusada Y.G.G. preparou no seu domicilio de Cotobade un paquete con roupa que pretendía facer chegar ao seu esposo, A.J.M., quen cumpría condena na Lama, e nunha das costuras dun calzón que ía no paquete ocultou un pequeno envoltorio que contiña 0,307 gramos de cocaína, cun valor de 27,25 euros.
A continuación, para que a droga chegara ao seu esposo, entregoulle o paquete coa roupa ao seu irmán, o tamén acusado JG.G.G., que ese día tiña concertada unha visita ao seu cuñado no cárcere. Unha vez alí, entregou o paquete no departamento de comunicacións exteriores, pero xa nunca chegou ao seu destinatario, pois a droga detectada polos servizos do centro.
Relacionadas:
-
O fiscal segue a pedir dous anos de prisión para os irmáns que meteron coca no cárcere da Lama nun calzón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Á terceira non foi a vencida: volven aprazar un xuízo por introducir droga no cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Toca seguir esperando para saber se dous irmáns meteron droga no cárcere ou non
Por Natalia Puga |