Á terceira non foi a vencida: volven aprazar un xuízo por introducir droga no cárcere
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O vindeiro xoves 16 de febreiro será xa o cuarto intento de que se celebre un xuízo contra os irmáns Yolanda e José Gabriel G.G. na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Os dous están acusados dun delito contra a saúde pública por tentar introducir un paquete cunha pequena cantidade de cocaína na prisión da Lama para o marido dela e este xoves, á terceira, a vista comezou, pero non foi a vencida, pois tivo que suspenderse de novo.
O motivo da suspensión é alleo, neste caso, aos dous acusados e o seu defensa, pois débese á enfermidade dunha perito que debía declarar durante o xuízo. Pero o avogado dun deles si tentou esta terceira suspensión, por primeira vez sen éxito. Tras escoitar as gravacións das escoitas telefónicas que axudaron a incriminar o seu cliente, xusto as que motivaron as dúas últimas suspensións, pediu que se suspendese e se anulasen eses audios.
O fiscal, Ignacio Saiz, opúxose por entender que esa petición de suspensión "se basa en la sospecha generalizada sobre el sistema de grabación", o Sitel, e o presidente do tribunal, José Juan Barreiro Prado, entendeu que se trataba de "un tema de valoración de proba" e non había motivo para a suspensión.
O xuízo comezou, pero ningún dos dous acusados quixo declarar. Ambos rexeitaron responder as preguntas do fiscal, do seu propio avogado e do letrado contrario. O home, José Gabriel G.G., mesmo protagonizou a anécdota da xornada ao responder as preguntas da sala tan só asentindo ou negando coa cabeza, ao que o maxistrado lle advertiu: "mímica non entendemos".
Antes de que o xuízo se suspendera, pasou ante o tribunal un funcionario de prisións que atopou a droga que o acusado pretendía introducir en prisión para o seu cuñado de parte da súa irmá. Confirmou que o envoltorio coa cocaína estaba oculta nunha das costuras dun calzón e que xa antes dese achado tiñan "sospechas justificadas" de que podían tentar introducir sustancias estupefacientes na prisión.
A acusada, Yolanda G.G., chegou, como o xoves pasado, custodiada por unha patrulla da Policía Nacional, pois se atopa cumprindo condena na Lama por unha sentenza relativa a outra causa. O outro procesado está en liberdade á espera de que se celebre o xuízo, no que se enfrontan a dous anos de prisión cada un.
Relacionadas:
-
O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para resolver os problemas tecnolóxicos na Audiencia de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal segue a pedir dous anos de prisión para os irmáns que meteron coca no cárcere da Lama nun calzón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Toca seguir esperando para saber se dous irmáns meteron droga no cárcere ou non
Por Natalia Puga |
-
Dous irmáns enfróntanse a dous anos de prisión por tentar meter droga no cárcere para un familiar
Por Natalia Puga |