Empezan as obras de conexión do centro de día de Cuntis á rede de sumidoiros
Por Redacción
O deputado de Cooperación, David Regades acompañado do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira Conchy Campos visitaron este martes o novo centro de día, as obras de conexión eléctrica e a rede municipal de sumidoiros que contan cunha subvención dentro do Plan Concellos 2016.
Regades subliñou que esta importante obra ten como finalidade a acometida do centro de día á rede municipal de sumidoiros mediante un grupo de bombeo e a súa subministración eléctrica. Ao mesmo tempo esta nova conexión permitirá nun futuro dar servizo ás propiedades colindantes nun desenvolvemento urbanístico da zona.
A obra contou cunha subvención do Plan Concellos 2016 por valor de 39.555 euros que foi solicitada polo concello de Cuntis á Deputación de Pontevedra.
Posteriormente David Regades, Manuel Campos e Conchy Campos tamén visitaron as obras de limpeza de cunetas nas parroquias de Couselo, Portela, Arcos, Estacas, Troáns, Cequeril e Piñeiro. En total van ser 55 quilómetros de limpeza e nivelación dos marxes destes camiños municipais que conta tamén cunha subvención de 35.000 euros dentro do Plan Concellos 2016.
Xa para rematar o alcalde e a concelleira de Cuntis amosáronlle ó deputado provincial as diferentes termas coas que conta a vila.
O Concello de Cuntis contou en 2016 con subvencións da Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos, por valor de 502.694 euros. Para o ano 2017 o orzamento que disporá o concello será de 534.837 euros, o que supón un incremento do 6,41%.