Cores Tourís recolle os recados dos alcaldes de Cuntis, Meaño e A Lama
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou este xoves visitas institucionais aos concello de Cuntis, Meaño e A Lama
En Cuntis mantivo unha entrevista co seu alcalde, Manuel Campos, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica. Cuestións relacionadas coas insfraestruturas viarias e de saneamento, así como co avance da concentración parcelaria.
Manuel Campos analizou con Cores Tourís proxectos como o convenio de colaboración que permitirá a execución de melloras nas beirarrúas da PO-220 na rúa do Convento ao longo dos 300 metros nos que se atopan en mal estado, así como diversas necesidades no saneamento da localidade.
Tamén mostrou o Concello de Cuntis a súa preocupación polas necesidades do CPI Don Aurelio, xa que considera o alcalde que sería necesario poñer en marcha un proxecto de cambio de teitos e fachada e a necesidade dun vehículo para a Policía Local que será solicitado á Consellería de Presidencia.
Por outra banda, tamén solicitou ao delegado territorial que se teña en conta a Cuntis no próximo paquete de transferencias de centros de saúde e que se axilice a tramitación da concentración parcelaria de Troáns.
MEAÑO
Respecto ao concello de Meaño a súa alcaldesa, Lourdes Ucha, transmitiulle a Cores Tourís cuestións relacionadas coas infraestruturas, a mellora da eficiencia enerxética e o centro educativo do concello.
Lourdes Ucha analizou con Cores Tourís a execución dunha senda entre Dena, Os Pasales e Lores xunto ao río. Neste senso, o delegado territorial comprometeuse a realizar xestións ante a Consellería de Medio Ambiente para trasladarlle a demanda do municipio.
Por outra banda, a alcaldesa tamén trasladou ao delegado territorial a necesidade de creación dun comedor no colexio de Dena que, a maiores, tamén poida utilizarse como salón de actividades. Lourdes Ucha solicitou así a Cores Tourís que lle traslade ao conselleiro de Educación o seu interese por manter unha reunión na que informalo sobre esta demanda.
Finalmente, a rexedora comentou que desexaría volver a solicitar axudas para o cambio de luminarias de cara a conseguir aforro enerxético nas parroquias do municipio.
A LAMA
Na Lama o seu alcalde, Jorge Canda, demandou ao delegado territorial cuestións relacionadas coas infraestruturas municipais, o transporte metropolitano e as políticas de fixación de poboación no rural.
O alcalde recordoulle a Cores Tourís algúns dos proxectos que seguen pendentes, como o Plan Hurbe solicitado á Consellería de Medio Ambiente, e que permitiría reformar a un área infantil en Xesta. Tamén solicitou ao delegado territorial que lle dera traslado ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, do seu interese por manter unha entrevista de cara a analizar o feito de que A Lama quedara fora do transporte metropolitano a Pontevedra.
Outra das demandas do alcalde de A Lama foi a mellora e reforma da estrada que une Antas con Seixido. Neste senso, o delegado territorial recordoulle que primeiro deberá poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a ampliación deste vial.
Relacionadas:
-
A Lama busca que os veciños cedan terreos para ampliar a estrada entre Antas e Seixido
Por Redacción |
-
Empezan as obras de conexión do centro de día de Cuntis á rede de sumidoiros
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Barro e O Grove trasladan a Cores Tourís as peticións á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Portas pide axilidade nas concentracións parcelarias de Briallos e Romai
Por Redacción |
-
Poio e Meis, na axenda de Cores Tourís
Por Redacción |
-
Cores Tourís sigue de tour, hoxe: Ponte Caldelas, Cambados e Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |