Conservación da Natureza emite un informe favorable do proxecto do paso das Salinas
Por Redacción
O servizo de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, remitiu ao Concello un informe favorable sobre o proxecto dun paso inferior peonil e ciclista na PO 308, á altura da Lanzada, como solución á falta de seguridade na zona.
O concelleiro de Infraestruturas, Daniel Fernández, aproveitou a presenza en Sanxenxo a pasada semana da conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, para adiantarlle que o Concello solicitará unha reunión co seu departamento para abordar o financiamento desta obra, cun custo lixeiramente superior aos 200.000 euros.
A proposta técnica que conta co beneplácito de Conservación da Natureza conectaría o viario que provén do núcleo da Revolta co paseo de madeira que discorre paralelo á praia da Lanzada, garantindo un paso peonil seguro por baixo da estrada, situado á altura do paso de peóns que no seu día foi eliminado por non reunir o viario as condicións esixidas. O paso estanco inclúe ramplas laterais para cumprir os requisitos de accesibilidade.
CONXUNTO GRANÍTICO DA LANZADA
O goberno local púxose en contacto este luns con técnicos responsables da obra que a Consellería de Medio Ambiente está a executar na PO 308, á altura da Lanzada, onde a eliminación de varias formacións graníticas alertou a algúns veciños e a algún colectivo.
A pesar de que o conxunto granítico carece dalgún tipo de protección ou catalogación, o goberno local solicitou aos técnicos da Consellería que os aparcadoiros que se habiliten nesta marxe da estrada (nuns terreos cedidos pola comunidade de montes de Noalla) respecten estas formacións rochosas, unha cuestión que se comprometeron a ter en conta.