Proxectan crear un paso soterrado na zona das Salinas na Lanzada
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo presentou á consellería de Medio Ambiente o anteproxecto dun paso subterráneo estanco como solución á falta de seguridade que se rexistra ao tentar cruzar na zona das Salinas, na PO-308 á altura da praia da Lanzada.
A proposta técnica presentada polo goberno de Gonzalo Pita conectaría a vía que provén do núcleo da Revolta co paseo de madeira que discorre paralelo á praia da Lanzada. Con este paseo garantiríase un paso peonil seguro por baixo da estrada, situado á altura do paso de peóns que tivo que ser eliminado por non reunir o vial as condicións esixidas.
Este paso estanco, con ramplas laterais, custaría máis de 200.000 euros e serviría para resolver a preocupación dos veciños e dos propietarios dos establecementos hostaleiros, que alertan sobre as consecuencias que ten cruzar ao areal nunha estrada cun elevado índice de tráfico durante o verán.
Tamén se previu un paso elevado, pero tivo que descartarse ao tratarse dunha zona de especial protección pertencente á Rede Natura.
A conselleira de Infraestruturas, Ehtel Vázquez, xa coñece este proxecto realizado pola enxeñeira de Camiños do departamento municipal de Urbanismo, Laura Naya, e considera que se trata dunha solución técnica viable para esta contorna e que se atopa fóra dos espazos grafiados por Augas de Galicia como "inundables". A conselleira comprometeuse a estudar a viabilidade deste proxecto que tería que acometer a Xunta de Galicia.