Tres ex directivos de Novacaixagalicia, na Lama polas indemnizacións millonarias
Por Anxo Lourido & Natalia Puga
A Audiencia Nacional ordenaba este luns o ingreso en prisión dos cinco ex directivos de Novacaixagalicia condenados a dous anos de prision polas indemnizacións millonarias que se concederon a si mesmos antes de abandonar a entidade bancaria. Tres deles, están xa no centro penal pontevedrés da Lama.
A orde de ingreso afecta os tres exdirectivos José Luis Pego, Gregorio Gorriaran e Óscar Rodríguez Estrada; o expresidente de Caixanova, Xullo Fernández Gayoso; e o asesor xurídico Ricardo Pradas. Deles, fontes consultadas por PontevedraViva confirmaron que están na prisión da Lama Pego, Gayoso e Rodríguez Estrada.
O ingreso produciuse sobre as 19.30 horas por orde da sección Terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional en cumprimento da sentenza deste órgano policial de outubro de 2015 confirmada polo Tribunal Supremo o pasado mes de setembro.
Segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para acordar o ingreso en prisión, a Audiencia Nacional tivo en conta que os condenados non devolveron o diñeiro que se fixou en sentenza e que teñen aínda causas pendentes coa Xustiza. Ademais, valorou a gravidade dos feitos e que o propio Tribunal Supremo, na súa sentenza de setembro, considerase benévola a pena de dous anos imposta.
Os cinco condenados pediran a suspensión da condena dado que a pena imposta non superaba os dous anos, pero a Audiencia Nacional denegoulla unha vez que o Supremo a confirmou.