O PSOE da Lama pide que os exdirectivos de Novacaixagalicia reciban "igual trato" que o resto de presos
Por Oskar Viéitez
O portavoz do PSdeG-PSOE na Lama, Enrique Vaqueiro, pediu publicamente ao director do centro penitenciario da Lama "igual trato" para os ex directivos de Novacaixagalicia.
A Audiencia Nacional enviou este pasado luns a prisión aos cinco banqueiros condenados a dous anos de prisión polas indemnizacións millonarias que se concederon a si mesmos no ano 2010, en pleno proceso de fusión das dúas caixas e tras pedir 1.162 millóns de euros de axudas ao Estado pola inviabilidade da entidade.
Despois de ter noticias de que os banqueiros foron derivados ao módulo de respecto ou convivencia, Enrique Vaqueiro sinala que "o sistema carcelario ten que dar igual trato a todo o mundo, e non por ser bandidos de pescozo branco se lles debe de derivar en módulos mais laxos".
Por este motivo pide que os ex directivos cumpran a súa condena "nas mesmas condicións que calquera outro cidadán que cometese un delito. Sen ningún tipo de privilexios", afirmou Vaqueiro.
O portavoz do PSdeG-PSOE tamén pediu explicacións "sobre a suposta recepción das autoridades do Penal á súa chegada ao cárcere".
"Queremos saber quen os recibiu e de que forma, non pode haber ningún trato de favor, por moi importantes que sexan", afirmou.
"É unha pena que o presidente da Xunta cualifique isto como dramático, cando o que é non é máis que o resultado dunha operación apadriñada polo propio presidente da Xunta que derivou na quebra e rescate con diñeiro público das caixas galegas. Que un director do banco se vaia con 10 millóns de indemnización é unha vergoña parecida ao que pasa en países bananeros", sentenciou o portavoz socialista.
"Non son ben recibidos na Lama, pero aquí hai un centro penitenciario e non nos queda doutra máis que atendelos, pero en igualdade de condicións, como o resto de presos. Aquí todos deben ser iguais", rematou Vaqueiro.