Récord de embarcacións en tránsito aos portos deportivos pontevedreses
Por Oskar Viéitez
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, celebrou a "afluencia destacadísima" de embarcacións estranxeiras ata os portos deportivos galegos.
En toda Galicia foron 8.167 embarcacións en tránsito as que recalaron nas 24 dársenas deportivas. Nas 10 instalacións náuticas na provincia de Pontevedra a cifra é de 2.536 embarcacións, o que supón un incremento do 14,5% respecto ao ano anterior ao aumentar os 322 barcos.
Baiona (con 854 embarcacións) e Sanxenxo (686 barcos) destacan sobre o resto dos dez portos pontevedreses de titularidade autonómica. No caso do Real Club de Iates de Baiona rexistrouse un incremento dun 62% con respecto ao ano 2015.
En canto á procedencia, Francia é o país que achega maior número de visitantes, e de maneira crecente veñen cada vez máis navegantes de Irlanda, especialmente ao porto de Combarro.
A estancia media dos barcos nos portos autonómicos sitúase entre 3 e 4 días por barco, xerando un gasto de entre 150 e 200 euros por pernoita e barco, sen incluír os custos propios do fondeo no porto.
Na rolda de prensa celebrada na sede de Portos de Galicia en Pontevedra, José Juan Durán estimou que en toda a comunidade estes barcos en tránsito xeran un volume de negocio de entre 1,8 e 2,4 millóns de euros, sen incluír os ingresos dos propios portos.
O presidente de Portos de Galicia fai unha avaliación "positiva" no últimos catro anos e apunta que desde o ente público "seguimos alargando a nosa posibilidade de novos mercados" coa vista posta nos turistas náuticos de Reino Unido, Alemaña, Bélxica, Holanda e mesmo Rusia.
Entre as causas deste incremento no volume de tránsitos estranxeiros, José Juan Durán cita a "promoción importante que se está facendo", ademais da mellora da situación económica e as condicións climatolóxicas máis favorables.
Relacionadas:
-
Medran os tránsitos de embarcacións recreativas en Combarro e Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os amarres temporais do porto deportivo de Sanxenxo incrementáronse un 6,5%
Por Redacción |
-
O goberno local cre que Portos de Galicia ten "castigado" ao Concello do Grove
Por Redacción |
-
Combarro foi o porto que máis embarcacións recibiu en xullo en Galicia
Por Redacción |
-
Os portos deportivos pontevedreses incrementan un 10,3% a súa actividade
Por Redacción |
-
Os portos das Rías Baixas recibiron 3.000 barcos de tránsito este verán
Por Redacción |