Os amarres temporais do porto deportivo de Sanxenxo incrementáronse un 6,5%
Por Redacción
A empresa pública Nauta Sanxenxo, que xestiona a lámina de auga, os locais e o aparcadoiro dos que dispón o porto deportivo Juan Carlos I, pecha o ano 2016 cun incremento dos amarres temporais, estimado nun 6,55% con respecto a 2015. Así, foron un total de 570 as embarcacións que recalaron nestas instalacións municipais, fronte ás 535 que escolleron a rada sanxenxina en 2015 e as 538 que o fixeron en 2014.
A bandeira española foi a que ondeou maioritariamente nestas prazas destinadas a tránsito, concretamente en 328 barcos, mentres que os franceses lideraron un ano máis a listaxe de estranxeiros que escolleron o porto de Sanxenxo, seguidos moi de preto polos británicos. E é que se en 2015 foron 58 os barcos con bandeira francesa que chegaron ao municipio, nesta ocasión a cifra ascendeu a 60, o que supón un lixeiro incremento.
As instalacións portuarias tamén foron escollidas este ano por 55 barcos británicos, 26 portugueses ou 6 suízos. Cabe destacar o aumento de visitantes holandés, cun incremento do 80% con respecto ao 2014 (20 barcos), xa que en 2016 foron 36 as embarcacións en tránsito en Sanxenxo.
Máis rechamante é o incremento de barcos de bandeira alemá, que se incrementaron nun 283,33% respecto de 2015, pasando de 6 a 23 barcos desta nacionalidade. Xa máis simbólica foi a presenza de países como Australia, Estados Unidos, Malta, Noruega ou Polonia, rexistrándose un tránsito anual de embarcacións con bandeira destes países.
Do mesmo xeito que en ocasións anteriores, as embarcacións de vela predominaron sobre aquelas a motor, con 383 fronte a 187, respectivamente.
Para o vicepresidente de Nauta Sanxenxo, Jesús Sueiro, o feito de que o porto incremente os amarres temporais de embarcacións con bandeira estranxeira "débese sen dúbida a que contamos cunhas instalacións de primeiro orde recoñecidas a nivel internacional ao dispor duns servizos de calidade".
Nauta Sanxenxo dispón dun total de 364,5 metros destinados a tránsitos cuxa capacidade varía dependendo da eslora dos barcos que amarran neste espazo do porto deportivo Juan Carlos I.
O equipamento portuario que xestiona Nauta Sanxenxo está conformado por unha lámina de auga de 85.000 metros cuadrados, 450 amarres de entre 8 e 45 metros e máis de 30.000 m de espazos peonís e destaca polas súas prestacións froito do investimento realizado por parte desta sociedade pública, que mesmo incluíu o servizo de lavandería, que complementou as subministracións dos que xa dispoñía tales como vixilancia, gasolineira, recollida selectiva de residuos, baños, wifi, acceso restrinxido a pantaláns, entre outros que levaron ao porto deportivo de Sanxenxo a ser un referente dentro e fóra do país.
CONSUMOS
En canto aos datos de venda de gasoil e gasolina despachados nas instalacións de Nauta de Sanxenxo o incremento foi tamén destacado. Así, foron vendidos 149.944,55 litros de gasolina en 2016 fronte aos 120.810,06 litros de 2015 o que supón un incremento do 24,12%. No que se refire a gasoil en 2016 vendéronse 163,381,42 litros fronte aos 158.049,05 litros o que supuxo un incremento do 3,37%.
En canto aos usos de varadeiro, que inclúe guindastre, limpeza a presión ou estancia, o incremento en canto á facturación é aproximadamente dun 7,8% pasando de 99.441,38 euros en 2015 a 107.202,89 euros en 2017.