O goberno local cre que Portos de Galicia ten "castigado" ao Concello do Grove
Por Redacción
O Concello do Grove ven de solicitar unha reunión urxente co presidente de Portos de Galicia para abordar aos cobros das taxas portuarias polo uso da Praza do Corgo.
Portos de Galicia ten solicitado máis de 18.000 euros pola Festa do Marisco e 1.200 pola Festa do Carme (neste último caso a factura reduciuse logo de que o Concello realizara unha protesta polos 12.000 iniciais que figuraban na taxa portuaria, alegando un erro na mesma).
Dende o Concello do Grove reiteran a necesidade de que a entidade portuaria reverta os terreos que xa non teñen uso portuario ao municipio ou, cando menos, se faga cargo do seu mantemento. As arcas municipais asumen os custos da limpeza, mantemento e iluminación desta zona e incluso pagan as indemnizacións no caso de problemas neste espazo.
A cambio o ente de Portos recada as taxas por terrazas (catro veces superiores ás do resto do municipio) e por todas as actividades que o municipio organiza neste espazo.
Por estas razóns o goberno local do Grove cre que Portos de Galicia ten "castigado" ao seu concello.
No goberno local meco consideran "verdadeiramente preocupante" o relativo a este tema pero tamén "a ausencia de diálogo no referido á clara necesidade do Porto Deportivo para O Grove". Nin sequera medidas como a creación dun pantalán de embarcacións tradicionais foi inda posta en marcha "o que deixa ver unha total deixadez para o pobo e os veciños do Grove", din dende o concello.
Finalmente o goberno local cre "ridículo" que Portos de Galicia publique datos sobre o positivo do turismo naútico nas Rías Baixas cando un dos principais motores do turismo desta zona "segue desatendido por parte da entidade portuaria".