A mellora da N-541 inclúe un novo aparcadoiro e unha parada de autobuses en Calvelo
Por Redacción
A petición veciñal de mellora da seguridade viaria e das infraestruturas no lugar de Calvelo, en Tenorio, obtivo resposta. O Ministerio de Fomento está a construír un espazo de aparcadoiro e unha parada de autobuses nesta zona de Tenorio no marco da obra de construción e mellora do enlace de Calvelo coa estrada N-541.
Segundo informou o Concello de Cercedo-Cotobade nun comunicado, esta obra foi xestionada ante técnicos de Demarcación de Estradas e da empresa polo presidente do municipio fusionado, Jorge Cubela; o concelleiro José Pichel; e representantes veciñais e da comunidade de usuarios de augas. Precisamente, estes últimos foron os que trasladaron esta solicitude ao rexedor hai dez días.
Os primeiros traballos que xa comezaron céntranse na nivelación e compactación, pero as obras serán máis amplas e permitirán habilitar un espazo no lateral da N-541 como aparcadoiro e deseñar unha parada para os autobuses de tal xeito que se facilite a subida e baixada dos usuarios do transporte público reforzando a fluidez do tráfico e minimizando os riscos de sinistraliedade.
Cubela agradeceu a resposta "rápida e positiva" de Fomento con esta obra que supón "un avance máis" na seguridade viaria na zona. Ademais, garantiu que, unha vez rematados os traballos, a empresa asumirá a reposición dos servizos afectados, especialmente os que se refiren ás traídas e canalizacións de augas, tal e como demandaban os veciños.
A mellora da N-541 en Calvelo está orzamentada nuns 700.000 euros e permitirá reforzar a seguridade vial neste punto da estrada nacional con diversas melloras técnicas e coa habilitación dun acceso directo ás vivendas deste núcleo poboacional sen que os veciños teñan que desprazarse ata Tenorio para facer o cambio de sentido correspondente.