Cubela axiliza as actas previas para acadar a derradeira finca afectada pola construción do enlace de Calvelo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, participou este mércores no levantamento de actas previas da derradeira finca afectada pola construción do enlace de Calvelo, na parroquia de Tenorio, enmarcado na mellora integral da estrada N-541 ao seu paso polo municipio, orzamentada en 700.000 euros.
Este acto ía adiarse durante bastantes meses, incluso podería chegar ao ano pola habitual complexidade burocrática deste tipo de procesos, pero o rexedor xestionou ante o Ministerio de Fomento para acadar a súa axilización e conseguíu reducilo en varios meses.
Deste xeito, celebrouse no concello, coa presenza dun representante do departamento estatal, o levantamento de actas previas para a expropiación da mencionada finca, comparecendo o seu propietario. Agora, abordarase a consecución efectiva da parcela e poderán reanudarse os traballos.
A mellora da N-541 ao seu paso por Calvelo inclúe a construción dun enlace que permitirá aos residentes acceder de xeito directo ás súas vivendas sen ter que desprazarse ata Tenorio e outras melloras referidas á renovación do firme, o pintado de novas marcas viarias e a creación dun aparcadoiro e unha parada de autobús. Estas dúas non estaban previstas e foron conseguidas por Cubela ante Fomento tras atender unha petición veciñal.
O presidente quixo valorar a importancia desta operación e o adiantamento da convocatoria do levantamento de actas previas, “xa que permitirá que os traballos se retomen nas vindeiras semanas e se axilice a súa conclusión, evitando desta modo unha longa paralización por cuestións de índole burocrático”.
"Creo que fixemos unha boa xestión con Fomento para acelerar a obra e que a mellora da seguridade vial sexa unha realidade canto antes e tamén para aforrarlles meses de molestias aos veciños e usuarios da vía", concluíu.