Festa e moita animación acompañarán aos Reis Magos na cabalgata de Pontevedra
Por Redacción
Música, animación, carrozas temáticas, bonecos, robots… e sobre todo, ledicia, imaxinación e moita festa. Son os ingredientes da cabalgata dos Reis Magos de Pontevedra, que como vén sendo tradición celebrarase o xoves 5 de xaneiro, a partir das seis da tarde.
Será o fin de festa dun día no que os Reis Magos chegarán á Boa Vila coa fin de comezar os preparativos do reparto de xoguetes e agasallos da noite.
Así, haberá unha recepción para os nenos e nenas da cidade ás once da mañá no Pazo de Mugartegui. Antes, o alcalde entregaralles as cartas depositadas no buzón real aos Reis Magos, situado na entrada do Concello. Desde aí, a comitiva percorrerá as rúas Michelena, Peregrina, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, César Boente e Mugartegui.
Xa pola tarde, a cabalgata irá por José Malvar, Loureiro Crespo, Benito Corbal, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.
Xunto coas tres carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar, a cabalgata de Pontevedra contará coas carrozas de Mortadelo e Filemón, o xorobado de Notre Dame e a denominada como Heraldo e Trompetas; así como o camión escaleira dos Bombeiros e un grupo de cabalería.
Ademais, haberá animación coas charangas Airiños de San Martiño e Charandonga e os grupos folclóricos Os Alegres e Xoldra.
Art-Monium levará cabezudos con bailarinas, carboeiros, anxos carameleiros e un bosque animado; Pablo Méndez Perfomance aportará robots, bonecos e medusas e cabaliños de mar; Rivel Animación fará o propio con malabaristas, unha mariscada de Reis e os sons de Barrio Sésamo; e Troula con trasnos e bonecos de neve, contos e o espectáculo A luz do camiño.
OPERATIVO DE TRÁFICO
Con motivo da cabalgata, a Policía Local deseñou o habitual operativo de tráfico. Os participantes concentraranse na rúa Xosé Malvar sobre as 16.30 horas. Unha hora máis tarde cortarase o tráfico en todo o percorrido: Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena e Praza de España. Tamén pechará ao tráfico a rúa Echegaray, lugar de recollida das carrozas.
A partir das oito da mañá non se poderá estacionar en Xosé Malvar. Tampouco en Loureiro Crespo e Benito Corbal a partir das doce do mediodía; e en Echegaray e Alameda desde as tres da tarde.
Coa fin de evitar molestias aos cidadáns a Policía Local de Pontevedra prega a colaboración dos condutores e permanezan atentos á sinalización circunstancial. Os vehículos estacionados con antelación á colocación dos carteis, este martes 3 de xaneiro, serán trasladados a outro lugar.
Os vehículos que estacionen con posteridade serán denunciados e retirados coa guindastre municipal e abonarán as taxas correspondentes.
De cara a este día, a Policía Local recomenda a entrada na cidade por Loureiro Crespo e Xoán Carlos I e a utilización dos aparcadoiros disuasorios, xa que ningún deles está afectado pola cabalgata. Ademais, suxiren evitar o tránsito de vehículos polo centro da cidade entre as 17 e as 21 horas e, para cruzar Pontevedra, que se empregue a AP-9.