A cabalgata de Reis de Sanxenxo extrema as súas condicións de seguridade
Por Redacción
A seguridade parece ser a principal preocupación do Concello de Sanxenxo para a cabalgata de Reis deste ano. Tanto que o goberno municipal destinou 5.445 euros para que o desfile conte con plataformas homologadas para que nenos e adultos vaian nas carrozas con plenas garantías.
Así, entre outras prestacións, as plataformas deste ano están dotadas de freos propios.
A esta cantidade hai que sumar os 14.346 euros que ten de custo o aluguer das tres carrozas e os tres tronos nos que os Reis Magos percorrerán o municipio, un prezo no que xa está incluído o transporte, o que eleva o custo a 19.790,67 euros.
A concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, considera que esta era unha cuestión fundamental, xa que ata agora na cabalgata viñan utilizando unhas plataformas construídas por operarios municipais hai uns 30 anos e para as que reciclaron materiais procedentes de diferentes traballos.
"Dende o momento en que tivemos constancia de que estas plataformas non estaban homologadas empezamos a xestionar o aluguer dunhas novas, porque consideramos que a seguridade das persoas que van nas carrozas, que na súa maioría son nenos, ten que ser unha cuestión prioritaria", explicou a edil.
A cabalgata de Reis contará tamén este ano con total cobertura na póliza de responsabilidade civil do Concello, que inclúe toda a actividade do organismo autónomo.
As novas pólizas, que entraron en vigor o día 1 de xaneiro, permitiron ao goberno non ter que contratar un seguro específico para esta cabalgata, xa que dá cobertura á organización e participación en todo tipo de eventos e actividades sociais, deportivas, culturais, recreativas, artísticas, festivas, exposicións e demostracións.
Neste último concepto está incluída a construción e mantemento de tribunas, queima de fogos artificiais (a maiores da que ofrece a empresa), cabalgatas con ou sen vehículos a motor, así como eventuais responsabilidades mancomunadas, solidarias ou subsidiarias pola participación das entidades aseguradas en calidade de patrocinador.
A cabalgata de Reis será o colofón de peche dunha programación de Nadal que comezou co Festival dos Bolechas, que garantiu a diversión no pavillón de Baltar para centenares de nenos.
A visita dos Paxes Reais a Portonovo, Sanxenxo e Vilalonga congregou tamén a un importante número de nenos que gozaron coas actuacións de maxia ofrecidas polo mago Xacobe e que non dubidaron en entregar as cartas que os paxes se encargarán agora de enviar aos Reis Meigos.
A concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, móstrase satisfeita tamén pola boa afluencia de público á festa de Fin de Ano adiantada coa que Sanxenxo despediu o pasado sábado o 2016 e na que xa traballa para introducir algunhas novidades.
Agora, Fernández Agraso anima a todos os veciños de Sanxenxo a participar na cabalgata programada para a tarde deste xoves, que contará con importantes novidades e sorpresas.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo pide a Tráfico que aclare as esixencias para organizar unha cabalgata
Por Redacción |
-
Sanxenxo estrea percorrido para unha colorida cabalgata dos Reis Magos
Por Redacción |
-
Vilagarcía e Sanxenxo adiantan a entrada de 2017
Por Redacción |
-
Un festival con Os Bolechas, principal novidade do Nadal de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo anuncia unha intensa programación do Nadal
Por Redacción |