Sanxenxo estrea percorrido para unha colorida cabalgata dos Reis Magos
Por Redacción
A cabalgata dos Reis Magos chega este ano a Sanxenxo cargada de novidades. A máis importante, un novo percorrido. A comitiva partirá da contorna portuaria de Portonovo para concluír na Praza dos Barcos, no centro de Sanxenxo, un itinerario que realizará polas rúas Rafael Picó, Avenida de Galicia, curva de Vicaño e Paseo de Silgar.
O evento converterase nun desfile no que ademais das tres carrozas que portarán a Melchor, Gaspar e Baltasar, participarán outras catro minicarrozas que arrouparán aos Reis Magos no seu percorrido.
A asociación Mar de Fondo, os Minions de Dorrón, un vehículo con carboeiros e personaxes de Disney, así como participantes de diferentes colectivos que desfilarán disfrazados converterán a visita dos Magos de Oriente a Sanxenxo nun espectáculo colorista cargado de diversión.
Un coche da Policía Local abrirá o desfile ás 19 horas, e será pechado por outro vehículo oficial, do Servizo Municipal de Emerxencias, que achegarán un reforzo ás medidas de seguridade que se adoptarán durante a tarde do xoves.
O cambio no percorrido da cabalgata, segundo o Concello, ten que ver coas estritas medidas de seguridade impostas este ano pola Dirección Xeral de Tráfico, que obriga a que as rúas polas que discorre o desfile estean totalmente pechadas á circulación rodada, unha norma de obrigado cumprimento para que os nenos poidan ir nas carrozas.
Os Reis Magos recibirán aos nenos en Portonovo. Á altura da curva instalarán os seus tronos para que os máis pequenos poidan saudalos e mesmo entregarlles as cartas de última hora entre as 17 e as 19 horas, momento no que comezará a cabalgata na que Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados nas súas carrozas polos nenos gañadores e finalistas do Concurso de Debuxo Sanxenxo no Nadal.
Tras a conclusión da cabalgata, na Praza dos Barcos, e antes de que se preparen para a repartición nocturna de agasallos, As Súas Maxestades serán recibidas na Casa Consistorial polo alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, que lles convidará a asinar no libro de honra municipal e despediranse de Sanxenxo saudando desde o balcón do Concello.
Os Reis Magos repartirán o xoves día 5 un total de 1.500 quilos de caramelos entre os nenos que acudirán aos distintos desfiles que se desenvolverán no municipio e que están promovidas tanto polo Concello de Sanxenxo como por diferentes asociacións.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, os doces que se distribuirán entre os asistentes carecerán de ingredientes e aditivos con glute nin derivados do mesmo. Así, todos os pequenos, aínda aqueles que padezan a enfermidade celíaca, poderán gozar das diferentes paradas que realizarán as carrozas.
A Concellería de Cultura colabora así mesmo noutras cabalgatas como a de Dorrón que partirá ás 17.30 horas de Magaláns, organizada pola asociación de veciños; mentres que a de Noalla comezará ás 18 horas na carballeira. Nantes tamén terá cabalgata. Sairá desde a Igrexa, ás 18 horas, e percorrerá diferentes lugares da parroquia e Vilalonga organizará unha recepción a partir das 16.30 horas no pavillón de deportes.
O venres, a cita será ás 11 horas en Aios onde Melchor, Gaspar e Baltasar partirán da capela para percorrer as principais rúas do lugar. Máis tarde, a partir das 13 horas, a Escola de Educación Infantil de Aios acollerá a representación dun belén vivente organizado pola Asociación Xuvenil Os Raposos.
Relacionadas:
-
O Concello de Sanxenxo pide a Tráfico que aclare as esixencias para organizar unha cabalgata
Por Redacción |
-
A cabalgata de Reis de Sanxenxo extrema as súas condicións de seguridade
Por Redacción |
-
Vilagarcía e Sanxenxo adiantan a entrada de 2017
Por Redacción |
-
Un festival con Os Bolechas, principal novidade do Nadal de Sanxenxo
Por Redacción |