O Nadal invade o Concello de Marín
Por Redacción
O Nadal chegou con forza ao Concello de Marín, que goza estes días dos pequenos detalles relacionados coas festas.
Este mércores un grupo de alumnos do Colexio San Narciso visitou as instalacións municipais e contaxiaron co seu espírito a traballadores e veciños.
Os escolares depositaron as cartas escritas aos Reis Magos na caixa de correos instalada no Concello, para que o paxe real poida tomar nota de todos os agasallos que queren os nenos. Tamén cantaron panxoliñas para alegrar a mañá aos presentes.
Ademais algúns dos seus compañeiros do Colexio San Narciso puideron gozar dunha videoconferencia con Papá Noel.