Máis investimentos e menos gastos nun orzamento que crecerá ata os 72,8 millóns en 2017
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal traballa a bo ritmo no seu orzamento para 2017. O primeiro borrador deste documento será entregado a próxima semana á oposición, pero xa se coñecen as principais cifras. Así, o Concello elevará o seu importe ata os 72,8 millóns de euros. Será, por tanto, máis dun millón de euros superior ao deste ano. Polo menos, inicialmente.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, destacou que en liñas xerais as contas municipais para 2017 prevén un recorte "xeneralizado" nos gastos correntes, salvo no capítulo de persoal que crecerá como consecuencia da disolución do Instituto Municipal de Deportes e a integración dos seus traballadores na estrutura orgánica do Concello.
En pagar os salarios do seu persoal laboral, o Concello investirá 21,1 millóns de euros en 2017, trescentos mil euros máis que este ano. Iso si, esta partida podería aumentar lixeiramente se o Goberno central, unha vez tome posesión, determina unha subida salarial para os empregados públicos. Sería de obrigado cumprimento para todas as administracións.
O capítulo de persoal crecerá pola disolución do IMD e a integración dos seus traballadores na estrutura orgánica do Concello
Outros 31 millóns de euros -seiscentos mil euros menos que este ano- destinaranse a gastos correntes, onde se inclúen entre outros os contratos de abastecemento e servizos. Neste sentido, aínda que se prevé renovar as adxudicacións da recollida de lixo e da auga, cuxos contratos vencen en 2017, por agora contémplase o mesmo gasto por estes conceptos.
Tamén se reducen os intereses que xera a débeda municipal, que supoñerán 350.000 euros en 2017, e as amortizacións de débeda, que se reducirán ata os 2,5 millóns de euros. No apartado de gastos inclúense ademais as transferencias de fondos a outras entidades e administracións, que caerán setecentos mil euros ata os 4,1 millóns.
AUMENTO "IMPORTANTE" NOS INVESTIMENTOS
Ademais, Raimundo González asegurou que haberá un aumento "importante" nos investimentos que o Concello realizará o próximo ano. Crecerán un 20% ao pasar dos 11 millóns de 2016 aos 13,2 millóns deste ano. Non figuran aínda os 2,5 millóns de fondos europeos que a UE entregará a Pontevedra para comezar a executar a súa estratexia DUSI.
Con este diñeiro, que alcanzará por tanto os 16 millóns de euros, o goberno municipal reitera que estes investimentos terán un "efecto multiplicador" na economía da cidade, ao estar a xerar actividade en diferentes sectores, o que "repercute" en toda Pontevedra.
Entre os principais investimentos que figuran no borrador do orzamento están os 1,5 millóns que están previstos para a peonalización da Ponte do Burgo e a súa integración con Valentín García Escudero e a Avenida da Coruña; ou os 2,8 millóns que se investirán na creación de núcleos de centralidade parroquial no rural, o dobre que en 2016.
O edil de Facenda cre que "será posible" chegar a un acordo coa oposición se non se poñen "barreiras infranqueables"
Tamén se recolle, segundo o edil de Facenda, un aumento das partidas destinadas a cuestións de índole social e así, entre outros, o servizo de axuda a domicilio verá aumentada a súa dotación ata os 1,25 millóns, catrocentos mil euros máis que este ano, e incrementaranse os convenios con asociacións e colectivos deste ámbito.
ABERTOS Á NEGOCIACIÓN COA OPOSICIÓN
Raimundo González asegurou que o BNG está "disposto" a negociar as contas municipais cos partidos da oposición, para poder aprobalos no pleno. Aseguran que, unha vez entregouse o borrador aos grupos, recollerán as achegas que realicen e intensificaranse os contactos, aínda que "non sabemos se serán televisados", ironizou.
En todo caso, o edil de Facenda cre que "será posible" chegar a un acordo se non se poñen "barreiras infranqueables" e a negociación cínguese aos orzamentos "propiamente ditos" e as propostas da oposición son "sensatas e razoables".
Relacionadas:
-
Vontade de diálogo entre goberno e oposición para negociar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Os veciños tamén poderán facer achegas ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Lores rexeita a oferta do PP para negociar os orzamentos: "É un brinde ao sol"
Por Alejandro Espiño |
-
O PP invita o BNG a negociar os orzamentos coa condición de baixar os impostos
Por Redacción |
-
En 15 días o goberno local de Pontevedra presentará o borrador dos orzamentos para 2017
Por Oskar Viéitez |