Vontade de diálogo entre goberno e oposición para negociar o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño
A oposición municipal xa ten nas súas mans o borrador do orzamento para 2017, polo menos un primeiro avance coas cifras globais, a previsión de ingresos e os compromisos de gastos. O edil de Facenda, Raimundo González, fixo entrega este mércores do documento aos portavoces de PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns.
O concelleiro do BNG destacou a actitude "positiva" que mostrou a oposición neste primeiro encontro, o que fai que o goberno estea "esperanzado" ante a tramitación do orzamento e que poida contar co apoio dalgún grupo para a súa aprobación no pleno.
Ningún deles mostrou, dixo, un "rexeitamento frontal" a este borrador, polo que segundo Raimundo González "é posible chegar a acordos". Será, en todo caso, a partir do próximo luns cando comezarán as reunións bilaterais nas que cada partido presentará as súas propostas e se estuden a súa posible incorporación a este orzamento.
Ademais, o Concello presentará este proxecto orzamentario nunha próxima reunión do Consello Económico e Social (CES) e, tal e como estaba previsto, ás federacións de veciños Castelao e Teucro.
Precisamente este aumento da participación social neste proceso foi ben valorado no PP. O edil Rafael Domínguez celebrou que o goberno municipal "haya recogido el guante" da participación cidadá e avanzou que os populares estudarán este documento "con la intención de sumar y no de restar".
Os populares valoran o actual orzamento como "continuista" salvo pola integración do IMD na estrutura orgánica do Concello, pero aseguran que non marcarán "líneas rojas" durante a negociación. Iso si, Domínguez asegura que defenderán unha menor carga impositiva, que se corrixa o "timo" da rede de sumidoiros no rural e máis participación social.
Pola súa banda, o portavoz do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández, lamentou que o goberno non entregase o borrador ao completo e que "non veñan definidas" as partidas financiadas con créditos bancarios ou os investimentos que se farán conxuntamente coa Deputación de Pontevedra.
En todo caso, o edil socialista mostrouse disposto a negociar co Concello sempre que "falemos de políticas e non de asentos contables". Iso si, antes diso, "deben definir se quere negociar coa dereita ou coa esquerda", segundo destacou.
Desde Cidadáns tamén se ofrecen a negociar os orzamentos porque, segundo María Rey, "siempre que hablemos de mejorar la ciudad no tenemos miedo de darle la mano a ningún partido". Para iso, entende que se deberán incluír máis partidas para a reactivación económica de Pontevedra e espera que o Concello "haya definido el modelo de ciudad".
Mari Carmen Moreira, que recolleu o borrador do orzamento en nome de Marea Pontevedra, non quixo facer declaracións aos medios para explicar, do mesmo xeito que o resto da oposición, a posición de partida do seu grupo político neste asunto.
Relacionadas:
-
O PP, disposto a absterse na votación do orzamento se Lores rebaixa os impostos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Marea avanza o seu "non" ao orzamento municipal: "Son receitas que asumiría Donald Trump"
Por Alejandro Espiño |
-
O Consello Económico e Social analiza o borrador dos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
Os veciños tamén poderán facer achegas ao orzamento municipal
Por Alejandro Espiño |
-
Máis investimentos e menos gastos nun orzamento que crecerá ata os 72,8 millóns en 2017
Por Alejandro Espiño |