Pontevedra recibe dez millóns de fondos europeos para o seu proxecto "+Modelo Urbano"
Por Alejandro Espiño
Por fin hai resolución para a repartición dos fondos europeos. E para Pontevedra foi tremendamente positiva. A cidade recibirá 10 millóns de euros para financiar os proxectos recollidos no programa +Modelo Urbano Pontevedra 2016-2022, presentado á convocatoria da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (DUSI).
"É moi boa noticia para Pontevedra", destacou o concelleiro Luís Bará, coordinador dun traballo que implicou a todos os servizos municipais -aos que o Concello agradeceu o esforzo para cumprir os prazos da convocatoria- e que, no seu día, contou co apoio unánime de toda a corporación e dos membros do Consello Económico e Social (CES).
O orzamento total deste programa alcanzaba os 18.735.000 euros -incluíndo nesta cantidade os catro millóns que financiaría o Concello con fondos propios-. Cos 10 millóns recibidos, máis o 20% que debe achegar o goberno municipal, agora haberá que "reconfigurar" os proxectos e o calendario de execución.
Os proxectos han de ser executados entre 2016 e 2022, pero Luís Bará explicou que a estratexia presentada polo Concello priorizaba as actuacións entre 2017 e 2019. "Vamos a poñernos a traballar xa porque a tramitación é moi complexa", sinalou.
+Modelo Urbano Pontevedra 2016-2022 establecía un total de oito obxectivos estratéxicos, que xiraban ao redor da idea de avanzar na construción dunha cidade "intelixente, accesible e integradora". Incluíanse nel un total de 32 liñas de actuación que buscan avanzar no modelo urbano aplicado na cidade nos últimos anos.
Así, entre outras cuestións, Pontevedra propoñía 2,9 millóns de euros para a mellora ambiental urbana de espazos periféricos degradados, 2,32 millóns para acondicionar o edificio social Centro Sur -destinado a colectivos que prestan servizos sociais-, 2,3 millóns para mellorar a mobilidade nas estradas e vías rurais, 1,7 millóns para potenciar a administración electrónica, 1,4 millóns para crear núcleos de centralidade nas parroquias do rural ou 1,2 millóns para mellorar a eficiencia enerxética en instalacións sociais.
Ademais destas grandes partidas, o goberno municipal optaba a estes fondos europeos para destinar 900.000 euros á recuperación ambiental e patrimonial de espazos naturais fluviais, 870.000 euros para dinamizar a praza de abastos como espazo lúdico e gastronómico, 700.000 euros para a creación de novas infraestruturas sociais, 700.000 euros para un mercado de novos creadores, 400.000 euros para os camiños escolares ou 300.000 euros para implantar un transporte colectivo a demanda.
Bará reiterou a "satisfacción" do goberno municipal ante esta concesión de fondos europeos cuxa convocatoria "parecía feita a medida de Pontevedra", segundo o edil do BNG, porque a aposta do Concello "por un modelo de cidade exitoso e recoñecido" encaixaba á perfección, dixo, cos obxectivos recollidos por Bruxelas nesta repartición de fondos.
CRÍTICAS AO PP
Luís Bará lamentou ademais que o portavoz do PP, Jacobo Moreira, reivindicase a través dunha mensaxe na súa conta persoal de Twitter que foi o goberno de Mariano Rajoy o que outorgou unha "choiva de millóns" a Pontevedra.
El Gobierno de @marianorajoy otorga otra lluvia de millones a #Pontevedra con los Fondos #Dusi. pic.twitter.com/VeuzDWWLou
— Jacobo Moreira Ferro (@JacoboMoreiraFe) 3 de octubre de 2016
O edil nacionalista lembrou que a convocatoria aberta por Bruxelas está "perfectamente regrada" e que os beneficiarios reciben os fondos por criterios técnicos "claros". Trátase, dixo, de comentarios "ridículos" que poderían chegar a xerar ata reclamacións doutros concellos que quedaron excluídos desta repartición como A Coruña, Ferrol ou Ourense "porque estás a dicir que o reparto responde a cuestión políticas".
Relacionadas:
-
Comezan os traballos para reprogramar os proxectos que financiarán os fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
De pinza en pinza: un ano agridoce para o goberno municipal
Por Redacción |
-
O mercado municipal converterase nun espazo gastronómico sostible
Por Alejandro Espiño |
-
En 15 días o goberno local de Pontevedra presentará o borrador dos orzamentos para 2017
Por Oskar Viéitez |
-
Malestar na oposición tras sentirse excluídos da xestión dos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Proxectan a reforma da contorna da ponte do Burgo coa posibilidade de eliminar a gasolineira
Por Redacción |
-
Apoio unánime aos proxectos que Pontevedra presentará aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción |