A veda obriga a aprazar de novo a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción
A vixencia da veda non garante que haxa produto procedente da lonxa local para organizar a Festa da Raia de Portonovo a última fin de semana de outubro, como estaba previsto, de modo que a celebración tivo que volver aprazarse.
O goberno local de Sanxenxo e diversos colectivos de Portonovo acordaron, nunha reunión que se prolongou durante case dúas horas, unha nova data para a celebración da Festa da Raia. A data pactada implica aprazar a festas ata a última fin de semana de abril.
A principal razón para o cambio de data é a veda da raia. O patrón maior da Confraría de Portonovo, José Antonio Gómez, explicou no transcurso da reunión que non hai aínda unha data clara para que se levante a veda e que o sector comeza a temerse que se pospoña para facela coincidir coa da centola, algo que prexudicaría os intereses de Portonovo.
Os colectivos asistentes á reunión (Confraría, Club de Xubilados, Club Ciclista Corbelo, Os Gatiños, O Can de San Roque e Ollares de Portonovo) coincidiron en que a materia prima que se utilice na Festa da Raia debe ser vendida a través da lonxa de Portonovo. Trátase dun aspecto innegociable e que, por tanto, obriga a que a festa se organice nunha data na que a frota de Portonovo poida capturar este recurso.
A confraría está disposta a que as instalacións da lonxa se abran ao público durante a celebración da festa para acoller degustacións e outras actividades y considera "inviable calquera colaboración no caso de que a raia non sexa de aquí".
Relacionadas:
-
Buscan novas iniciativas para potenciar a Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo sonda o Grupo Nove para que xestione a parte gastronómica da Festa da Raia
Por Redacción |
-
Desvelada parte da programación da próxima Festa da Raia de Portonovo
Por Redacción |
-
A Festa da Raia de Sanxenxo, a última fin de semana de outubro
Por Redacción |