A DXT incrementará os controis nas estradas convencionais
Por Redacción
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns día 3 de outubro unha nova campaña especial de vixilancia nas estradas convencionais da comunidade galega. Durante toda a semana, ata o domingo día 9, incrementaranse os controis neste tipo de vías.
Segundo os datos estatísticos da DXT, catro son os factores que máis inciden nos accidentes: o exceso de velocidade, o consumo de alcol e drogas, non usar o cinto de seguridade e as distraccións.
Nese sentido, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán que se circule á velocidade adecuada, controlarán os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e sistemas de retención, a utilización do teléfono móbil ou de calquera outro elemento que poida distraer durante a condución e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación viaria.
A campaña estará coordinada polas xefaturas provinciais de tráfico e os xefes dos subsectores da Garda Civil nas catro provincias e, sempre que sexa posible, advertirase aos condutores da existencia próxima de controis.
A importancia desta campaña represéntase nas cifras que analiza a DXT en relación á sinistralidade viaria. Así, máis do 88% dos accidentes mortais rexistrados nas estradas galegas no que vai de ano producíronse neste tipo de vías.
CAMPAÑA ANTERIOR EN GALICIA
Como resultado da última campaña específica de vixilancia en vías convencionais en Galicia, desenvolvida desde o 19 ata o 25 de outubro de 2015, controláronse 75.058 vehículos e resultaron denunciados 2.911 condutores.
Entre as denuncias que máis incidencia tiveron para a seguridade viaria destaca o exceso de velocidade (con 1.593 denuncias, case o 55% das totais) seguido pola ausencia de cinto de seguridade e doutros sistemas de retención (con 190 denuncias, máis do 6% do total), por insuficiencias técnicas do vehículo (171, preto do 6%), por consumo excesivo de alcol (144 denuncias, case o 5%) e por usar do teléfono móbil (138 denuncias, máis do 4% do total).