Fomento e Deputación cítanse en Madrid para desbloquear a posta en valor dos castros
Por Redacción
Madrid será o lugar onde técnicos da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Fomento manterán unha xuntanza, o próximo luns 26 de setembro, para tratar de desbloquear o protocolo que ambas administracións acordaran para poñer en valor dezaoito xacementos castrexos da provincia.
Carmela Silva manifestou que o obxectivo da institución provincial é seguir cos traballos previstos e co calendario establecido para os 18 xacementos nos que hai que actuar "e que Fomento inicie xa as súas obrigas con respecto ao protocolo asinado".
O documento recolle a realización de tarefas de escavación en seis dos castros e labores de limpeza noutros doce por parte da Deputación, mentres que Fomento se encarga, unha vez rematados os traballos da institución provincial, da musealización, consolidación, restauración, accesibilidade e sinalización destes xacementos.
Silva lembrou que a Deputación está cumprindo "rigorosamente" coas súas obrigas, pero non así dende Madrid. "Eu xa amosei a miña preocupación, aínda que agora estou convencida de que esta situación cambiará a partir do luns", afirmou.
A presidenta provincial engadiu ademais que, como o que existía era un protocolo, "tamén plantexamos a Fomento que asinemos un convenio que sexa xa unha obriga total e absoluta por parte das dúas administracións".
Explicou que o primordial é "poder continuar cun proxecto tan relevante para a provincia, co que estamos totalmente volcados e que está dando tanta información e tantos descubrimentos da nosa historia".
Relacionadas:
-
A Deputación e Fomento pechan un preacordo que garante o cumprimento do programa dos castros
Por Redacción |
-
Carmela Silva critica a "caradura" do PP por sinalar á Deputación como "a única responsable" do abandono dos castros
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Fomento paraliza a musealización de 18 castros apelando á falta de Goberno en Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Unha vintena de empresas, interesadas en musealizar os castros da provincia
Por Redacción |