Recta final dos traballos do novo sistema de abastecemento de auga da ría
Por Alejandro Espiño
En apenas un mes Pontevedra e a súa ría contará cun sistema de abastecemento de auga potable totalmente renovado. As obras deste proxecto, que se iniciaron en 2012, estarán finalizadas a mediados de setembro. Así o destacou a directora territorial de Acuaes, Isabel Pérez Espinosa, tras a reunión da comisión de seguimento destes traballos desenvolvidos en Pontevedra, Marín, Poio, Vilaboa e Sanxenxo.
Para completar o novo sistema de abastecemento só queda un "pequeño tramo" duns 300 metros na marxe esquerda da ría, que obrigará a pasar as canalizacións por baixo das vías do AVE. "No es solo abrir una zanja y colocar la tubería", explicou. Adif deu permiso para executar estes traballos para partir do 22 de agosto.
Ademais, tamén se aproveitará para revisar toda a obra executada nos cinco concellos para solucionar pequenas deficiencias ou atender as posibles reclamacións de particulares.
En total, investíronse preto de 33 millóns de euros, dos cales 20 millóns proceden de fondos europeos. Para garantir a subministración de auga a Pontevedra e os concellos da ría, duplicouse a capacidade da estación potabilizadora de Monte Porreiro, construíronse sete novos depósitos e colocáronse 47 quilómetros de conducións.
Todo iso é, segundo Pérez Espinosa, "garantía de que el agua va a llegar con mucha calidad y también con cantidad suficiente", solucionando os problemas que había anteriormente, especialmente cando se producía o aumento poboacional que todas as Rías Baixas viven na época estival.
"Es una buena noticia para la ría y para todos los vecinos, los que la habitan normalmente y para los que vienen en verano. Todos sabrán que problemas de agua no van a tener", sinalou a directora territorial de Acuaes.
A alcaldesa en funcións, Carme da Silva, expresou tamén a súa satisfacción ante a inminente finalización destes traballos e sinalou que "queda moi pouco" para estrear un novo sistema que "garantirá o abastecemento de auga na ría para os próximos 40 anos".
Relacionadas:
-
Pontevedra deberá abonar 767.000 euros máis para o convenio con Acuaes
Por Alejandro Espiño |
-
Unha avaría obriga a utilizar por primeira vez o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín de Acuaes
Por Redacción |
-
"No verán que vén ten que estar funcionando" a nova rede de abastecemento de auga
Por Diego Espiño |
-
O Concello de Marín pide prudencia no consumo de auga ante o baixo caudal do depósito de Cadrelo
Por Redacción |
-
As obras do depósito de auga de Marín atópanse no seu tramo final
Por Redacción |