As obras do depósito de auga de Marín atópanse no seu tramo final
Por Redacción
As obras do depósito de auga de Pardavila atópanse practicamente finalizadas, segundo informa o Concello de Marín. A empresa pública Acuaes está a acometer os traballos dentro do proxecto integral declarado de interese estatal baixo a denominación "Mellora do abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría".
Este proxecto conta coa ampliación da estación depuradora de auga da parroquia de Lérez, no Concello de Pontevedra e con outras dúas obras entre Pontevedra e Vilaboa e o eixo de Marín. Os traballos executados en Pontevedra e Vilaboa contan cunha rede de 17 quilómetros de conducións e con dous depósitos que van desde Mourente ata Marín no seu primeiro tramo. No segundo ofrécese servizo ao Concello de Vilaboa no que se crearon dous novos depósitos.
As obras atópanse case finalizadas agás 1.000 metros de condución pendentes de obter novos terreos debido á necesidade dunha modificación no trazado previsto inicialmente.
O eixo de Marín atópase en execución e céntrase en dous tramos de conducións de máis de 7.600 metros de lonxitude. No primeiro tramo a conexión de adución trasládase ata o novo depósito de Pardavila, de 2.000 metros cúbicos de capacidade. O segundo tramo é de conexión coa rede de Marín, nas proximidades de Seixo. Neste proxecto inclúese a conexión do depósito de Cadrelo. Segundo o goberno local, as obras están no seu tramo final, á espera de que se finalice a condución cara a Vilaboa, para poder realizar as probas de presión.
Por outra banda, na marxe dereita da ría, nos concellos de Pontevedra, Sanxenxo e Poio inclúese a ampliación da estación depuradora de Lérez, a construción de catro novos depósitos, a ampliación dos bombeos de Monte Porreiro e de Raxó, coa construción de dous novos bombeos e a renovación de tubaxe, entre outras melloras. Estes traballos xa foron executados, salvo a finalización da urbanización da ampliación do bombeo da urbanización de Monte Porreiro.
O investimento corresponde ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente, con cargo a Fondos Feder e ascende a 39,9 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Unha avaría obriga a utilizar por primeira vez o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín de Acuaes
Por Redacción |
-
O Concello de Marín pide prudencia no consumo de auga ante o baixo caudal do depósito de Cadrelo
Por Redacción |
-
Recta final dos traballos do novo sistema de abastecemento de auga da ría
Por Alejandro Espiño |
-
Mourente completará o seu saneamento antes de que acabe o ano
Por Alejandro Espiño |
-
O tempo seco acelera as obras do depósito de Pardavila
Por Redacción |