"No verán que vén ten que estar funcionando" a nova rede de abastecemento de auga
Por Diego Espiño
O Concello de Pontevedra foi escenario este xoves dunha reunión, a última, da comisión de seguimento das obras da nova rede de abastecemento de auga nos municipios da ría de Pontevedra.
Despois de anos de tramitación e traballos, as obras controladas por Acuaes están finalizadas e só falta que cada concello asuma a conexión á rede.
Os primeiros en sumarse a esta nova rede, que garantirá a subministración de auga "para moitos anos", serán Pontevedra e Marín, para posteriormente irse sumando Sanxenxo, Poio e Vilaboa.
"Imos a estudalo para poñela en marcha o antes posible, porque Marín o necesita", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto á rexedora de Marín, María Ramallo, en referencia aos problemas de subministración no municipio especialmente no verán, polo aumento de poboación.
"Desde logo no verán que vén ten que estar funcionando, e eu agardo que mesmo antes", augurou Lores.
A nova rede construída en altura, con sete novos depósitos ao longo de ambas as marxes da ría, permitirá aumentar a súa capacidade en 30.000 metros cúbicos a través de 47 quilómetros de conducións, pensando en garantir o servizo "para os próximos 50 ou 100 anos".
En total investíronse caasi 33 millóns de euros nestas obras, dos cales 18,9 deles foron financiados por fondos europeos, 6,5 millóns achegáronos os concellos e os restantes 7,5 millóns parten de Acuaes.
Precisamente esa última cantidade, a achegada por Acuaes, debe ser devolta ata o ano 2060 e repercutirá na factura que pagan os cidadáns, sendo proporcional a devolución en relación ás localidades de maior poboación. Así sobre Pontevedra recaerá a obrigación de asumir algo máis do 40% desta cantidade, Marín o 19%, Sanxenxo o 17%, Poio máis do 13% e Vilaboa máis do 7%.
Como exemplo en 2018, primeiro ano no que se fará o cálculo, a devolución que repercutirá na tarifa será de 238.000 euros entre todos os concellos, repartidos en números redondos en 98.000 euros que deberá asumir Pontevedra, 47.000 Marín, 42.000 Sanxenxo, 31.000 Poio e 18.000 euros Vilaboa.
Relacionadas:
-
Pontevedra deberá abonar 767.000 euros máis para o convenio con Acuaes
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Marín pide prudencia no consumo de auga ante o baixo caudal do depósito de Cadrelo
Por Redacción |
-
O saneamento do rural completarase con cargo ao novo contrato da auga
Por Alejandro Espiño |
-
Recta final dos traballos do novo sistema de abastecemento de auga da ría
Por Alejandro Espiño |