Os socialistas propoñen bonificacións no imposto de obras e construcións
Por Redacción
O PSdeG-PSOE ve necesario modificar a ordenanza fiscal que regula o imposto que grava as construcións, as instalacións e as obras no municipio, o denominado ICIO, para animar ao sector e reactivar a súa actividade. Así, presentarán unha moción no pleno municipal para que se aproben unha serie de bonificacións.
Trátase, aseguran, de aproveitar as ferramentas normativas para potenciar a actividade económica establecendo unha serie de bonificacións na cota do imposto que animen a que se fagan máis obras na cidade.
Analizada a ordenanza fiscal, os socialistas consideran que hai "moito marxe" para impulsar a actividade, por canto só aparece recollida unha bonificación no referente á instalación de sistemas de aproveitamento térmico e eléctrico.
"Fronte a caldeirada de propostas que fan algúns, os socialistas estamos por presentar iniciativas de calado, que visibilicen unha alternativa de goberno serio e sensato, pensado para os e as cidadáns", afirmou o portavoz municipal Agustín Fernández.
Así, o PSdeG-PSOE propón bonificacións do imposto que vai desde o 30% das obras en iniciativas empresariais realizadas por compañías cun volume de actividade inferior a un millón de euros ou das obras de limpeza, restauración ou pintado de fachadas de edificios; ao 95% daquelas que se fagan para eliminar barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade ou para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar en uso residencial.
Ademais, os socialistas reclaman un 50% de desconto en obras en vivendas de protección oficial, un 60% en obras enmarcadas en iniciativas empresariais de interese municipal, un 75% en obras no ámbito do Peprica ou dun ARI, ou un 85% en obras en vivendas feitas por propietarios maiores de 65 anos con ingresos que non superen os 18.000 euros, alcanzando o 90% se estes ingresos non chegan aos 8.000 euros.