O PSOE propón bonificar o IBI ás vivendas do rural que non dispoñan de servizos
Por Alejandro Espiño
O IBI, un imposto que taxa todos os inmobles do municipio, é unha das principais fontes de ingreso das arcas municipais. Pero, segundo os socialistas, hai marxe para aprobar unha serie de bonificacións que beneficien a unha parte da sociedade pontevedresa en busca dun sistema "máis xusto e equitativo", segundo o seu portavoz Agustín Fernández.
A principal bonificación que propón o PSOE reduciría o custo do IBI para todas aquelas vivendas das quince parroquias do rural que non conten cos servizos básicos de abastecemento de auga, saneamento e iluminación público. En función de se carecen dun, dous ou tres destes servizos, a bonificación oscilaría entre o 30 e o 90%.
Aqueles inmobles do rural que teñan os tres pagarían o imposto completo, segundo a proposta dos socialistas pontevedreses.
Con esta bonificación, explicou Fernández, non só se envitaría as "inxustizas" de que unha vivenda do mesmo valor catastral pero que non conta cos mesmos servizos pague o mesmo polo IBI. Ademais, serviría como "estímulo" para que o goberno municipal "resolva os problemas que hai no rural".
Unha segunda bonificación sería para as vivendas de protección oficial, que actualmente teñen unha cadencia de tres anos e que o PSOE propón ampliar aos dez anos, para favorecer ás parellas máis novas ou que teñan un poder adquisitivo "máis limitado".
Con esta moción, que os socialistas presentarán ao pleno, esperan lograr o respaldo do resto de grupos da corporación e así poder modificar a ordenanza fiscal.