O PP pide a Lores que presione a Abanca para evitar o peche da sucursal do Concello
Por Mónica Patxot
O Partido Popular adheriuse á petición formulada a Abanca polo goberno local do BNG en Pontevedra e a xunta de persoal do Concello para que non peche a oficina da entidade financeira na sede municipal en Michelena 30.
Os populares coinciden en que esta pequena sucursal presta un bo servizo aos cidadáns que acoden ás oficinas municipais axilizando o pago de taxas, recoller formularios e outros trámites.
O portavoz popular, Jacobo Moreira, solicitou este mércores ao alcalde que medie con Abanca para tratar de evitar o peche e propuxo que cancele as catorce contas que o Concello de Pontevedra mantén abertas nesta entidade, "exercendo así presión para evitar o inminente peche desta oficina", apuntou Jacobo Moreira.
"Contas que, por certo, dende maio de 2013 debería estar canceladas pois así se acordou en Pleno como mostra de solidariedade cos 2.500 afectados polas preferentes", lembrou.