Piden a Abanca que manteña aberta a oficina no interior do edificio do Concello
Por Redacción
Desde que o Concello se atopa situado na antiga sede do Banco de España na rúa Michelena, no interior fronte aos portelos do rexistro hai unha oficina de Abanca para realizar os trámites coa administración local para os cidadáns que acudan ao Concello. Fora unha petición do goberno local cando se instalaron as dependencias municipais neste edificio.
A dirección de Abanca decidiu eliminala do Concello de Pontevedra, do mesmo xeito que está a facer noutras localidades, porque considera que non lle resulta rendible. O peche está previsto para o 7 de xuño.
Os representantes das principais forzas sindicais no Concello de Pontevedra, CC.OO. e Afumpo, presentaron un escrito reclamando ao goberno local que tente evitar este peche, ao entender que prexudica aos cidadáns que queren realizar eses trámites e mesmo sinala que hai clientes desta entidade que se achegan polo edificio municipal para levar a cabo outras operacións.
Antonio Casal, de Comisións Obreiras, apuntou que o peche vai xerar serias molestias aos cidadáns e manifestou que mesmo fora necesario readaptar as distintas dependencias para acoller esta oficina no momento en que se distribuíron os espazos neste edificio. Ademais, apuntan que en Concellos como o de Vigo, a oficina vai continuar operativa.
Raimundo González, portavoz do goberno local, sinalou que representantes municipais están a tentar convencer á dirección de Abanca para que se manteña esta oficina pola que a entidade bancaria non abona renda algunha de aluguer.
O traballador encargado desta oficina será trasladado, segundo as mesmas fontes sindicais, á sucursal da rúa Ferreiros.