Abanca reabrirá o 1 de setembro a súa oficina no Concello
Por Alejandro Espiño
Desde o pasado 7 de xuño, as dependencias municipais de Michelena 30 deixaron de contar cunha oficina de Abanca, na que tanto os funcionarios como os contribuíntes que acudían ao Concello a realizar algún trámite podían realizar todo tipo de operacións.
Pero o seu peche, que xerou un gran malestar nos sindicatos da Xunta de Persoal do Concello, parece que non é definitivo. Segundo o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, Abanca decidiu reabrila a partir do 1 de setembro.
O traballador que a xestiona, que tras o peche foi trasladado á sucursal de Ferreiros, regresará de novo á oficina tras as xestións realizadas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ante a entidade bancaria.
Así, o goberno municipal logrou convencer á dirección de Abanca para que se manteña esta oficina, pola que o banco non abona renda algunha de aluguer.
A posta en marcha desta oficina fora unha petición do goberno local cando se instalaron as dependencias municipais neste edificio. Raimundo González reiterou que o volume de traballo que xera xustifica dabondo a súa permanencia.