Sanxenxo acolle o acto de entrega dos recoñecementos Q de Calidade Turística Galicia 2015
Por Redacción
Sanxenxo acolleu este luns o acto de entrega dos recoñecementos Q de Calidade Turística Galicia 2015. O acto tivo lugar nos salóns do Real Club Náutico de Sanxenxo e estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto á directora xeral de Turismo, Nava Castro, arroupado por numerosas autoridades galegas.
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e o concelleiro de Turismo, Jesús Sueiro, recolleron os seis diplomas concedidos a outros tantos areais do municipio.
Montalvo, Caneliñas, A Lapa, Areas Gordas, Major e Baltar súmanse este ano ás tres praias que dispoñían deste distintivo, Silgar, Areas e Canelas. Ás nove bandeiras, que este verán ondearán nas praias locais, hai que engadir a do Porto Deportivo Juan Carlos I e a conseguida para a Oficina de Turismo que, unidas ás xestionadas por diferentes empresas privadas, converten a Sanxenxo no municipio galego con maior número de certificacións e no segundo de España.
Sanxenxo acumula así un total de 35 certificacións, xa que ademais das 11 Q de Calidade para os servizos públicos (9 praias, Porto e Oficina de Turimo), 15 hoteis, os clubs náuticos de Sanxenxo e de Portonovo, un establecemento de lecer nocturno, 4 restaurantes, unha axencia de turismo e unha adega local dispoñen tamén deste distintivo.
O presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o peso do turismo na recuperación económica da comunidade, con preto de 860.000 viaxeiros nos establecementos hoteleiros neste primeiro cuadrimestre, un 7,3% máis que no mesmo período de 2015.
"Estamos a falar do mellor cuadrimestre desde que empezou a crise, cun número de pernoitas que ascendeu a 1,5 millóns, e nos tres sectores de demanda: tanto na demanda interna, que medra un 3,6%, como na demanda nacional (10,2%) e internacional (que medra un 4,3 %)", dixo, subliñando tamén que de cada dez euros da economía galega un provén do turismo.
Relacionadas:
-
A por 35 establecementos máis con 'Compromiso de calidade turística' na provincia
Por Redacción |
-
O programa de balnearios ábrese ás persoas sen recursos
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas da provincia apostan por regular o aluguer vacacional
Por Redacción |
-
Cinco empresas estrean o premio 'Sanxenxo, Calidade Turística'
Por Redacción |