Ponte Caldelas debe investir case medio millón de euros para modernizar a súa obsoleta rede de alumeado público
Por Redacción
A rede de alumeado público de Ponte Caldelas absorberá medio millón de euros durante os próximos anos. Os resultados dunha auditoría de eficiencia enerxética encargada pola Alcaldía son "alarmantes", segundo valoraron dende o goberno local "pois revelan un exceso de puntos de luz e o uso dunha tecnoloxía completamente obsoleta, tanto nas luminarias como nas infraestruturas de regulación e cableado".
O alcalde Andrés Díaz Sobral di estar "moi preocupado" tras coñecer os datos deste estudo, encargado hai un par de meses e entregado recentemente pola empresa auditora.
"Eu sabía que a situación que herdábamos tras moitos anos de goberno do PP era mala, pero esto supera todas as previsións", salientou o rexedor.
O goberno local apunta que estes resultados "obrigan a repensar" as liñas da política municipal durante todo o mandato, pois haberá que afrontar proxectos con investimentos propios e concorrer a todas as convocatorias de subvencións neste eido.
Ponte Caldelas dispón dun total de 3.660 puntos de luz para dar servizo a 5.600 habitantes
O estudo indica que Ponte Caldelas dispón dun total de 3.660 puntos de luz para dar servizo a 5.600 habitantes. A totalidade da rede está composta por luminarias con tecnoloxía antigua, porque os únicos farois led instalados no municipio foron colocados hai poucos meses polo actual equipo de goberno no polígono da Reigosa. Andrés Díaz adiantou que xa se está a traballar nun proxecto de mellora lumínica na ponte da vila, onde agora hai 18 vellos farois que van ser substituídos por só seis, reducindo o impacto visual e, ao tempo, aumentando o grao de iluminación.
Segundo a auditoría, a rede caldelán está composta por puntos ineficientes, de máis de 200 watios a base de vapor de sodio ou de mercurio, que deben ser reemplazados por sistemas led de 45 watios.
Ademais, hai problemas co cableado, armarios con potencia excesiva e interruptores accionados con células fotoeléctricas que deben ser substituidos por modernos e máis eficientes reloxos "astro" dixitais, que optimizan o acendido.
Andrés Díaz indica que o consumo eléctrico do Concello supera os 300.000 euros anuais e o obxectivo é reducilo, cando menos, nun 50% ao longo destes catro anos. Pero para elo será necesario facer os fortes investimentos no paquete de actualización tecnolóxica que o Concello de Ponte Caldelas non fixo ata o de agora, mentres moitos outros concellos xa contan cunha rede moderna e funcional.
Relacionadas:
-
Instalan candados contra o gamberro que deixa a Ponte Caldelas ás escuras
Por Redacción |
-
A ponte da Calzada estrea iluminación
Por Redacción |
-
O PP acusa o Concello de descoidar o mantemento da iluminación pública de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Novos sinais e valado para a área arqueolóxica de Tourón
Por Redacción |