Instalan candados contra o gamberro que deixa a Ponte Caldelas ás escuras
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas tomará medidas para "frear unha campaña de sabotaxe" que se está a producir nos últimos meses no municipio para causar apagóns e deixar a escuras aos núcleos de poboación e diversas zonas da vila.
A Xunta de Goberno local foi informada polo alcalde, Andrés Díaz, da sucesión de incidentes, que comezou pouco tempo despois de que hai un ano cambiara o signo político no Concello, agora gobernado por un goberno tripartito formado polo PSdeG-PSOE, AVP e BNG. Os apagóns veñen repetíndose dende entón e, lonxe de diminuír, parece que se teñen intensificado nas últimas semanas.
Andrés Díaz explicou que nalgúns lugares prodúcense ata dúas veces na mesma noite, o que está a producir un gran trastorno tanto aos veciños como á empresa de mantemento e aos operarios municipais, que se ven obrigados a saír de noite só para volver subir os térmicos. En todos os casos compróbase que responden á manipulación intencionada do cadro eléctrico, por baixada manual dos interruptores, sen que se teña producido ningunha avaría.
Á vista da situación, o Concello decidiu instalar peches con candado nos 59 cadros eléctricos que alimentan a rede municipal de alumeado. Tentarase con esta medida acabar cunha campaña vandálica que o alcalde cualifica como "lamentable".
Ao tempo comunicará o sucedido á Garda Civil para que se intensifique a vixiancia, aínda que o propio alcalde admite que será difícil sorprender a alguén "in fraganti" dada a dispersión territorial dos cadros. Dende o Concello pídese a colaboración veciñal para tratar de identificar ao autor ou autores dos feitos e poder así presentar a correspondente denuncia.
Os concelleiros do grupo de goberno reproban esta campaña orquestrada e "máis aínda ao ter coñecemento de que se están a espallar rumores malintencionados polos que se di que os apagóns forman parte da política de aforro enerxético do goberno local", din dende o goberno municipal.
"Hai un gamberro ou varios que están a facer isto e merecen a condena non só deste goberno local, senón de todos os veciños", afirma o alcalde, quen engade que esta campaña obriga a facer un gasto público que podería destinarse a outros fins. "E iso, provocar o gasto de cartos que son de todos, é o único que van conseguir, para a súa vergonza".
Relacionadas:
-
Liña aberta en Ponte Caldelas para acabar coas sabotaxes á iluminación pública
Por Redacción |
-
Renovación da rede de alumeado en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A ponte da Calzada estrea iluminación
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas debe investir case medio millón de euros para modernizar a súa obsoleta rede de alumeado público
Por Redacción |